I Concurso de Carteis de Morea ‘O que ti creas...’ Imprimir
Xoves, 27 Maio 2010 11:35

A Asociación de Familiares de Enfermos Mentais Morea, en colaboración cos concellos de Verín, O Barco de Valdeorras, Ourense e Lalín, promove o I Concurso de Carteis ‘O que ti creas...’, destinado a fomentar a participación activa da sociedade na integración das persoas con enfermidade mental e crear un cartel que conmemore o Día da Saúde Mental (10 de outubro).

Este concurso conta con dúas modalidades de participación: xuvenil -de 12 a 18 anos- e adulta -maior de 18 anos-, e coas seguintes condicións de participación: o eslogan terá que facer referencia a enfermidade mental, poderase presentar un máximo de dúas propostas por persoa, non poderán participar no concurso ningún membro do xurado, as propostas deberán ser inéditas e propias; e os traballo poderanse presentar en galego ou castelán.

As propostas poderán entregarse en calquera delegación de Morea -nun sobre pechado cos seus datos persoais, en dous formatos: nun soporte informático ou orixinal en papel- ou a través de www.morea.org -cumprimentando un formulario cos seus datos personais-. E o prazo de entrega finalizará o 25 de xuño de 2010.

Os premios aos que optan os/as participantes son: 1º premio de 350 euros, accésit de 150 euros e premio a votación popular -4 ceas para dúas persoas-.