Concerto de Xóvenes Intérpretes na Casa da Cultura de Verín Imprimir
Xoves, 02 Decembro 2010 12:10

Unha decena de xóvenes músicos verinenses actuarán en concerto na Casa da Cultura de Verín o sábado día 4 de decembro ás 19 horas. O acto clausurará o ciclo Praceres Sonoros-Lembrando a Ángel Barja.

Irene Romero Rodríguez, guitarrista, abrirá o programa interpretando a Mazurka Chôro, obra do famoso compositor contemporáneo brasileiro Heitor Villa-Lobos. A frautista María Romero, acompañada a guitarra pola súa irmá Irene, interpretará a Sonata en Fa Maior do compositor barroco italiano Antonio Vivaldi. A música romántica de Beethoven (2º movemento da Sonata Opus 49) será interpretada pola pianista Eva Flete Giraldo. O guitarrista Iago Medeiros González tocará o Rondó de Napoleón Coste. A música romántica española para tecla chegará da man da pianista Iria Afonso Carrasco, cos Valses poéticos de Enrique Granados. Ruth Medeiros González interpretará no clarinete o Caprice do francés Darius Milhaud, un compositor que mesturou a politonalidade cos aires jazzísticos. Alejandro Fírvida Méndez daralle vida á música dun dos compositores para piano máis influentes, prolíficos e famosos, o polaco Frederic Chopin, interpretando a súa Fantaise Improptu. O saxofonista Adrián García Alvar interpretará o allegro do Concerto para Saxofon alto de Ronald Binge, compositor británico, creador do  efecto denominado “cascada de cordas”. A pianista Tatiana Melissa Cid López interpretará un mix de temas con gran transcendencia actual, a composición Rivers Flowf in You, de Yurama, e un extracto de Legends of the Fall, música dun compositor paradigmático no mundo das bandas sonoras para cine, James Horne. Para pechar o concerto, Miguel Ángel Guerra Dos Santos e o profesor Nicanor Domínguez Cid interpretarán as partes moderato, romance e rondó, da composición Duo two for clarinets de Antón Stadler.

Todos os intérpretes remataron os estudos profesionais recentemente, ou estudan para profesionalizarse na actualidade, e comezaron a estudar no Conservatorio de Verín.

O concerto será presentado por José Manuel Salgado Rodríguez, que foi até agora o primeiro e único veciño de Verín que comezando estudos no Conservatorio Elemental de Música de Verín rematou a carreira musical, despois de formarse tamén nos conservatorios de Ourense e Vigo.