O Concello de Verín conta cun novo vehículo de Protección Civil Imprimir
Xoves, 30 Decembro 2010 15:42

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva Álvarez, e o alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, presentaron esta mañá o novo automóbil para o servizo de Protección Civil, cedido pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Este novo vehículo todoterreo está destinado a satisfacer un servizo local de protección civil que aporte aos cidadáns e peregrinos as actuacións de atención ás emerxencias máis inmediatas, de xeito complementario aos servizos que prestan os parques de bombeiros.

O custo total do mesmo foi de 36.450 euros, do que o 80% foi sufragado por esta Consellería. Ademais, os gastos de manexo, mantemento, reparacións do vehículo e equipos de emerxencia; así como a dotación de persoal necesario correrá a cargo do Concello de Verín, que tamén colaborará coa Xunta de Galicia con competencia en materia de protección civil na organización e realización de operativos, exercicios e simulacros, no desenvolvemento dos plans territoriais e especiais de protección civil e de Plan de atención ao peregrino, e na divulgación da protección civil e a práctica de autoprotección e prevención de riscos e accidentes entre as institucións, organizacións e a cidadanía en xeral. “Este vehículo renova un parque móbil antigo, con dous vehículos de máis de doce anos, que permitirá atender todas as emerxencias deste amplo territorio”, subliña o rexedor, “no que é moi significativo o servizo de Protección Civil e o Grupo Municipal de Intervención Rápida, cos que os verinenses están moi satisfeitos pola súa celeridade e traballo”.