A V Volta a Galicia en Vespa en Verín Imprimir
Venres, 30 Setembro 2011 12:33

Durante os días 8 e 9 de outubro, o municipio de Verín acollerá a chegada e saída da quinta edición da Volta a Galicia en Vespa, da que formarán parte membros de asociacións das catro provincias galegas de Vespas e Lambrettas.

Na primeira xornada os participantes percorrerán Lalín, Chantada, Monforte, Petín e A Gudiña, onde serán recibidos pola asociación verinense deportivo-cultural 'Vespaqueaquero', que os acompañarán no seu percorrido cara a Verín. Sobre ás 19 horas chegarán a vila e percorrerán diferentes rúas da mesma para, a continuación, realizar na praza da Merced un acto de benvida aos participantes desta volta, que non ten carácter deportivo e está destinada a coñecer paisaxes e monumentos das catro provincias galegas. Ao finalizar, paseo polas rúas de Verín, cena de confraternidade e novo paseo.

Durante a xornada do domingo 9 de outubro, os integrantes da asociación verinense realizarán un percorrido turístico pola zona, na que lle amosarán aos participantes lugares como o castelo de Monterrei e Cabreiroá. A continuación iniciarán o percorrido cara Vilar de Barrio, Maceda e Lalín.

Na organización desta actividade, a que tamén están invitadas asociacións de Vespas e Lambrettas do norte de Portugal, participan o Concello de Verín e a Eurocidade Chaves-Verín.