Teatro da Gavela presenta en Verín “O Conde Alarcos” Imprimir
Luns, 18 Agosto 2008 08:48
Mañá, 19 de agosto, ás 22.30 horas, Teatro da Gavela escenificará na praza García Barbón de Verín a obra “O Conde Alarcos”. A actuación enmárcase nunha xira pola Vía da Prata desta compañía, que patrocina a S.A. de Xestión do Xacobeo e que conta coa colaboración do Concello de Verín.
Sete personaxes -6 actores e 1 músico- protagonizan “O Conde Alarcos”, unha obra de autor anónimo dirixida e adaptada por Teatro da Gavela a partir das distintas versións peninsulares do Romance do Conde Alarcos e das pezas teatrais que se crearon baseadas nese texto, en especial o Entremés do Conde Alarcos.
Tendo como referencia aos “cómicos da légoa”, que percorrían os camiños de xeito ambulante para presentar os seus espectáculos en vilas e aldeas, a compañía fai unha viaxe cara ao século XVII para amosarnos cales foron as primeiras formas de representación, das que posibelmente nace todo o teatro actual.

Teatro da Gavela é unha compañía formada en Lalín o ano 2006, que agrupa actores das compañías Viravolta e Seisdedos de Lalín e actores de compañías da comarca de Ferrol.