“Mellor tapa” e “Tapeira Maior 2008” na ruta gastronómica de Verín Imprimir
Martes, 26 Agosto 2008 12:55
Delicias de ovos de paspallás do establecemento O Pucheiro foi elixida como a “Mellor Tapa 2008” da primeira edición da ruta gastronómica “Un río de tapas” de Verín, que tivo lugar entre os días 8 e 17 de agosto.
 
O xurado conformado polo Presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Antonio Ángel Méndez Atanes, o Director do Parador de Monterrei, Héctor Fernández González e a “Tapeira Maior 2008”, Sonia Zarraquiños Novelle, deliberaron onte na Casa do Concello e otorgaron esta distinción a Delicias de ovos de paspallás tras considerala como “a tapa máis orixinal e exquisita do concurso”, e cuxo premio ascende aos 300 € -concedidos por AECOM (Asociación de Empresarios de Hostalería da Comarca de Monterrei)-.
Respecto ao premio de “Tapeira Maior 2008” recaeu en Sonia Zarraquiños Novelle, que tras conseguir encher todos os selos do “pasaporte” da ruta e entrar nun sorteo, realizado ante o Secretario do Concello de Verín, obtivo este título e un premio en metálico de 300 €, valor concedido por todos os establecementos participantes.

Nesta ruta, organizada polo Concello de Verín en colaboración con AECOM e a D.O. Monterrei, participaron un total de 20 establecementos que ofertaron 32 tapas salgadas e doces, maridadas con viño da D.O. Monterrei.