4º Gran Premio Paredes. Rota dos Móveis RTP Imprimir
Luns, 11 Maio 2009 17:50
O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo, o coordinador do Premio Paredes, Juan Manuel Campos, o ciclista do Xacobeo Galicia, Ezequiel Mosquera, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán presentaron esta tarde en Verín o 4º Gran Premio Paredes. Rota dos Móveis RTP.

Esta proba ciclista, organizada pola Produçao de Actividades Desportivas (PAD) e patrocinada pola Cámara Municipal de Paredes e Asociación de Fabricantes de Mobles da mesma localidade,  disputarase entre o 14 e 17 de maio e percorrerá as seguintes localidades de Galicia e norte de Portugal:
- 1ª etapa (14 de maio): Lugo – Verín (163,9 Km.).
- 2ª etapa (15 de maio): Verín – Paredes (166,5 Km.).
- 3ª etapa (16 de maio): Valongo – Rebordosa (144,5 Km.).
- 4ª etapa (17 de maio): Penafiel – Lordelo (128,8 Km.).

En devandita competición, a única para profesionais disputada este ano en Galicia e cun total de 603 quilómetros, participarán un total de 152 ciclistas de 19 equipos -13 deles lusos, un colombiano e cinco españois-: Palmeiras Resort/Tavira, Centro Ciclismo Loulé/Louletano/Aquashow; Madeinox Boavista; Barbot/Siper; Liberty Seguros; Gessical/Fonotel/A.C.R. de Ventosa; Crédito Agrícola; Artesanía de Galicia/C.C. Cidade de Lugo; Cartaxo- Capital do Vinho/C.C. J.M. Nicolau; Bretescar/Sporting Clube de Portugal; Stª Maria da Feira/Leclerc/Moreira Congelados; Aluvia/Valongo; Mortágua–DR Seguros; CC Spol–CaixaNova ; Xacobeo Galicia; Contentpolis–Ampo e Andalucía CajaSur.

A curta historia desta proba tivo como punto de arranque no ano 2006 a cidade de Vigo, en tanto que Santiago de Compostela foi o punto de partida nas edicións de 2007 e 2008. Neste ano, será Lugo o lugar que dará a saída ao pelotón, e que na súa primeira etapa percorrerá as provincias de Lugo e Ourense ata chegar a Verín, onde concluirá a mesma e se iniciará, o 15 de maio, a segunda etapa. No punto de chegada, situado na avenida de Sousas -onde o balneario do mesmo nome-, a organización repartirá entre os/as nenos/as do municipio agasallos relacionados co mundo do ciclismo, previa realización dun sorteo.