Marcos Díaz presenta en Verín ‘A guitarra a través do tempo’ Imprimir
Martes, 14 Xullo 2009 17:38

A igrexa dos Padres Mercedarios acollerá o venres 17 de xullo, a partir das 20.30 horas, o segundo dos concertos do Vía Stellae en Verín, no que Marcos Díaz realizará un persoal repaso aos diferentes estilos e épocas da música para guitarra en ‘A guitarra a través do tempo’.

Baixo este título, o programa que interpretará o guitarrista inclúe obras de dous españois (Fernando Sor e Joaquín Rodrigo), dun autor sudamericano (o paraguaio Agustín Barrios) e de dous dos grandes mestres da historia da música de diferentes épocas e estilos (o barroco Johann Sebastian Bach e o romántico Franz Schubert).


A selección de compositores españois do programa amosa a variedad e evolución estilística da literatura para guitarra no país berce deste instrumento que mundialmente se coñece como guitarra española. O barcelonés Fernando Sor desenvolveu no primeiro tercio do século XIX unha carreira de gran éxito como compositor, intérprete e profesor: autor de infinidade de obras para guitarra, o seu Gran Solo op 14 supón un reto expresivo e técnico para o intérprete e é unha magnífica mostra da grandeza e persoal estilo de Sor. O compositor de Sagunto Joaquín Rodrigo probablemente é, co permiso de Falla, o compositor español máis famoso en todo o mundo grazas ao seu Concerto de Aranxuez.

Abre o concerto o gran mestre alemán do barroco Johann Sebastian Bach, do que Marcos Díaz interpreta a transcrición para guitarra da súa Primeira Suite para violoncello: a suite é unha colección de danzas que gozou dunha gran difusión no Barroco e Bach deixou boa mostra do seu xenio neste xénero ao que recurriu á hora de escribir para orquestra e tamén para instrumentos solistas como o violoncello, o clave ou o laúde. Unha medida da fama dun compositor é a frecuencia coa que se adaptan as súas obras para outros instrumentos e a asiduidade coa que os músicos as inclúen nos seus recitais: este é o caso da transcrición desta suite de Bach realizada neste caso polo guitarrista protagonista deste concerto Marcos Díaz e a das dúas cancións de Schubert (Lob der Tránen e Aufenthalt, traducidas Loubanza das bágoas e Estancia respectivamente) adaptadas para guitarra no seu día por Johann Kaspar Mertz un dos guitarristas máis importantes en Viena na época de Schubert, a primeira metade do século XIX). Para rematar, o guitarrista cruza musicalmente o Atlántico, da man do músico paraguaio Agustín Barrios, e a súa obra A Catedral, interpretada e concibida tras unha visita en 1921 á catedral de Montevideo.


Marcos Díaz naceu en Brasil, pero reside dende a súa xuventude en Ourense, onde rematou os estudos superiores de guitarra hai máis de vinte anos. Galardoado en prestixiosos concursos de guitarra, atesorou unha ampla experiencia como concertista en Europa e Estados Unidos. Mostra do seu traballo son os tres compactos gravados para o selo discográfico madrileño Ópera Tres, que obtiveron unha moi favorable acollida da crítica especializada.