Máscaras Ibéricas na Sala de Exposicións de Verín Imprimir
Mércores, 04 Marzo 2020 10:09

Ata o día 21 de marzo, permanecerá aberta na Sala de Exposicións de Verín a mostra fotográfica Viaxe polo mundo da máscara ibérica de Mercedes Vázquez Saavedra, que xa foi visitada por preto de medio millar de persoas.

Esta peculiar viaxe dunha muller, que leva máis de trinta anos fotografando as mascaradas populares peninsulares, promove,  a través de 132 imaxes, o coñecemento de boa parte das máscaras que son máis características no ámbito ibérico.

Para a xente de Verín, a viaxe pode presentar un par de retos particulares. O primeiro, poder comparar o cigarrón coas diversas máscaras desta provincia que teñen unha estética parecida ou semellante, como felos, zarramanculleiros, chocalleiros e peliqueiros. Tamén, pode servir para coñecer a diversidade de máscaras que hai na veciña Zamora, unha provincia da que estamos tan preto e, á vez, tan distantes. Carochos, cencerrones, zangarrones, birrias ou el atenazador forman parte da vintena de imaxes de máscaras zamoranas, tan próximas como descoñecidas entre nós.

Na escolma das máscaras galegas, podemos encontrar corenta e sete exemplos desta riqueza patrimonial, entre os que non faltan mormentelos, volantes, agucios, follateiros, vexigueiros ou zampornigas.

Con trinta e catro imaxes, Viaxe polo mundo da máscara ibérica tamén divulga o universo peculiar das máscaras portuguesas. O norte de Portugal é especialmente rico nestas manifestacións de cultura popular. Ademais dos diversos tipos de caretos; a galdrapa, os cardadores, a bugiada, o rebordelo ou o baçal, entre outras, impresionan a quen as mira.

Máis de medio centenar de imaxes recollen mascaradas de diversas comunidades autónomas españolas, lindeiras ou non coa galega. Ademais de máscaras zamoranas e leonesas -as máis extensamente representadas- podemos encontrar atractivos exemplares deste patrimonio popular festivo. Los sidros (Asturias), la vinajera (Cantabria), los jarramplas (Estremadura), las mascarillas (Andalucía), los diablos (Guadalaxara) o los hombres de musgo (Salamanca) foron algunhas das seleccionadas para esta mostra pola autora.

Mercedes Vázquez Saavedra, viaxeira impenitente, escritora e fotógrafa, é unha apaixonada das culturas rurais. Hai máis de trinta anos, empezou a recoller as mascaradas populares coa súa cámara, desde unha perspectiva de observadora participante, con visión de reporteira e antropóloga.

Sarriá de nacemento e de empadroamento, xubilada na actualidade, foi profesora e funcionaria. Ademais de coautora da Guía da Ribeira Sacra, obra na que hai publicadas máis dun cento de fotografías súas, é autora de dous libros: Pobra do Brollón, guía do concello e O Courel.

Desde que se xubilou no ámbito laboral, co obxectivo de inmortalizalos, intensificou o percorrido por aldeas, vilas e cidades da Península Ibérica onde hai rituais coas máscaras de protagonistas.