O pleno infantil de Verín interésase polo medio ambiente, o cambio climático e a transición ecolóxica Imprimir
Mércores, 04 Marzo 2020 14:02

Máis de 150 alumnos de sexto de Primaria e 1º e 2º de ESO dos centros educativos de Verín, Amaro Refojo, María Inmaculada, Mercedarios e Princesa de España, participaron esta mañá no Pleno Infantil, convocado no Concello para coñecer as inquedanzas e os desexos de implicación na vida pública dos veciños máis novos da vila.


O pleno infantil deste ano centrouse no medio ambiente, no cambio climático e na transición ecolóxica, afondando en importantes temas como o quecemento e desxeo global, a problemática dos microplásticos ou a importancia das zonas verdes urbanas.

Durante a sesión, presidida polo alcalde en funcións e concelleiro de Mocidade, Diego Lourenzo a as concelleiras de Cultura, Educación e Festexos, Emilia Somoza; de Recursos Humanos e Réxime Interior, Rosario Rodríguez e de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, Cándida Couñago, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de expoñerlle aos membros da corporación municipal  varias propostas, tales como: a creación dun parque multiaventura, o fomento dunha educación que promova a concienciación ecolóxica e implantación de sistemas de máquinas de reciclaxe remunerado de envases.

Ao finalizar o pleno, os cativos tamén tiveron a oportunidade de expoñerlle aos representantes públicos moitas das súas inquedanzas.

Diego Lourenzo quixo recordar que esta sesión plenaria foi concibida polo  Concello  e os centros educativos coa finalidade de fomentar os valores de convivencia, tolerancia, respecto e non violencia entre os máis pequenos. “Cremos que, ademais da súa propia aprendizaxe realizada coa preparación dos temas, é un  método moi efectivo  para que os nenos e nenas lle transmitan aos seus pais e familiares estes valores”.