O Concello de Verín suspende as festividades do Lázaro para previr posibles contaxios por Coronavirus COVID-19 Imprimir
Mércores, 11 Marzo 2020 15:43

O grupo de goberno municipal  -reunido de xeito extraordinario- ven de acordar, co obxectivo prioritario de protexer a saúde da cidadanía, a cancelación das actividades programadas no marco das festas patronais do Lázaro (evento que ten unha prevista afluencia de público que supera as 1000 persoas) para evitar así a posible transmisión do coronavirous/COVID-19 entre a poboación.

A proximidade da fronteira con norte de Portugal, así como as particularidades na  pirámide demográfica da nosa comarca -cun trinta e tres por cento de poboación que supera os 60 anos- motivaron a decisión unánime do goberno de pospoñer as celebracións centrais do Lázaro e os eventos deportivos asociados ao mesmo, así como as feiras ordinarias, as III Xornadas de Novela Histórica, e o II Torneo de Debate,  para contribuír a non propagación do mencionado virus entre a poboación.


O alcalde en funcións, Diego Lourenzo Moura, quixo lanzar unha mensaxe de calma e  recalcou que “a decisión deste grupo de goberno tomouse sempre seguindo as recomendacións emitidas pola Consellería de Sanidade en materia de prevención de posibles contaxios e contención da propagación do coronavirus/COVID-19, necesarias para a vixilancia e control en materia de saúde pública. Así mesmo,  esta medida foi comunicada tamén a xefa territorial de Sanidade de Ourense así como o grupo da oposición municipal.