A firma Nicandra, con sede en Verín, doa a organización do FIC Vía XIV un total de 130 máscaras Imprimir
Venres, 21 Agosto 2020 12:21

Nicandra, unha firma de moda especializada no sector nupcial con sede en Verín, vén de doar á organización do FIC Vía XIV un total de 130 máscaras faciais para que poidan ser utilizadas polos asistentes ás diferentes actividades e proxeccións que albergue o certame. O director do Festival, Carlos Montero, agradeceu o xesto da que “hoxe por hoxe é un das empresas emblemáticas e máis dinámicas de Verín, cunha clara vocación solidaria amosada durante o confinamento”.

Efectivamente, as responsables de Nicandra comezaron a deseñar e fabricar máscaras durante as xornadas máis estritas do confinamento, e con finalidade solidaria. Con tecidos estampados, deseños propios ou motivos de diverso tipo, as máscaras de Nicandra están perfectamente homologadas para seren empregadas fronte á Covid-19, cun control e cunha calidade do produto esterilizada.

A firma verinesa, unha das entidades colaboradoras do FIC Vía XIV 2020, leva suministrado durante a pandemia miles de máscaras e equipos de protección a profesionais e empresas que estiveron ao pé do cañón, así como a numerosos particulares.