O Concello pide explicacións á Consellería de Sanidade pola súa “falta de equidade” ao retirar as medidas especiais de prevención fronte a Covid-19 Imprimir
Sábado, 21 Novembro 2020 14:28

 Tras publicarse onte non Diario Oficial de Galicia a orde e o decreto do 20 de novembro de 2020 polos que se anuncia o mantemento das medidas especiais de prevención para a contención do brote epidémico da pandemia COVID-19 aplicadas non municipio de Verín, desde o grupo de goberno do Concello de Verín expoñemos o seguinte:


En primeiro lugar, queremos poñer en valor o gran esforzo colectivo realizado por todas e todos os  verineses e verinesas nesta segunda onda de contaxios, acatando en todo momento as medidas de prevención especiais decretadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia nas diferentes fases e contribuíndo activamente á redución dos casos activos, rebaixando o número de persoas afectadas pola COVID-19 no noso municipio de 92 a 8 nos últimos vinte cinco días. (o que equivale a 58 casos por cada 100.000 habitantes).

Tamén nos gustaría trasladar o profundo malestar que provocou esta decisión entre os sectores comerciais e de hostalería de Verín, sendo estes últimos os primeiros en solidarizarse cos nosos veciños e veciñas realizando un peche voluntario dos seus establecementos -previo á instauración das medidas especiais  decretadas pola Consellería de Sanidade- e véndose agora dobremente prexudicados pola revalidación dunhas restricións que consideramos asimétricas con respecto a outras localidades nas que xa se teñen eliminado, ou polo menos relaxado, aínda tendo unha incidencia maior de coranavirus.

Entendemos a complexidade da situación e que a saúde das persoas está por encima de todo. Somos conscientes tamén da preocupante nova onda de contaxios que está a experimentar o norte de Portugal,  e da nosa natureza fronteiriza. Aínda así, queremos manifestar publicamente non entender os criterios sanitarios e técnicos seguidos polo comité clínico de expertos para tomar a decisión de non considerar como é debido a retirada das medidas especiais de prevención impostas en Verín, como así o demostra a orde publicada onte no Diario Oficial de Galicia no que parece non valorar dunha maneira equitativa a nosa actual situación.

Por este motivo, desde o grupo de goberno municipal esiximos explicacións ás autoridades pertinentes sobre cal é o motivo da esta aparente falta de equidade á hora de valorar a casuística de Verín con respecto a outros municipios.

Por último, solicitamos, en nome da cidadanía de Verín, que cando se  reúna o  próximo comité clínico de expertos o próximo martes teñan o mesmo  trato que con outros municipios galegos, nos que si se levantaron parte das restricións, e rebaixe as limitacións impostas, propias dun Nivel 3 de alerta, e que non se corresponden coa nosa situación actual.