A Biblioteca de Verín recibe unha doazón anónima de 571 negativos fotográficos antigos Imprimir
Luns, 30 Novembro 2020 12:52

 A Biblioteca do Concello de Verín vén de recibir unha  doazón anónima dun total de 571 negativos antigos. As fotografías móstrannos unha infinidade de historias e  imaxes cotiás, todas elas transcorridas na comarca de Verín entre os anos 30 e 40.

En total son 36 sobres doados que suman 571 negativos. O seu estado de conservación é moi diferente, dado que algúns deles están en perfecto estado mentres outros teñen difícil arranxo.

Doazón anónima

Nestes momentos, os responsables da Biblioteca encóntranse en proceso de dixitalización e salvagarda do material,  realizando xa varias probas de limpeza de negativos, con resultados moi interesantes, en colaboración coa foto reporteira (xa xubilada) Flor Fernández, amiga e colaboradora habitual da Biblioteca de Verín.

Os estudos de fotografía responsables dos revelados dos negativos son, a maioría, de Ourense e en moitos deles non consta o nome do propietarios.

Segundo destacaron desde a dirección da Biblioteca, «esta doazón supón unha importantísima aportación aos Fondos Locais das nosas instalacións».