Verín retoma as súas feiras ordinarias co 5o por cento dos postos habituais Imprimir
Mércores, 02 Decembro 2020 13:22

 O Concello de Verín retoma mañá xoves as súas feiras ordinarias, permitindo a instalación do 50 por cento dos postos habituais autorizados. Este control de aforo realízase en estrito cumprimento da normativa que se encontra vixente na actualidade na nosa comunidade autónoma, correspondente ao nivel 2 de alarma decretado pola consellería de  Sanidade da Xunta de Galicia.

Co obxectivo de garantir as medidas sanitarias de seguridade e separación pola Covid-19, os  postos estarán separados por unha distancia de 6 metros, o que facilitará aos usuarios e usuarias do mercado respectar a distancia mínima de separación de 2 metros entre cada persoa. Do mesmo xeito, dentro dun mesmo espazo de venta as persoas responsables do mesmo deberán gardar entre si unha distancia  mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física. Será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venta.

A Policía Local será a responsable de vixiar que se respecte a distancia mínima persoal, evitando calquera contacto social que non teña por obxecto a compravenda. Tamén serán os encargados de regular o acceso ao mercado para evitar as aglomeracións.