O Museo de Verín pon en marcha unha investigación colectiva para construír un fío narrativo que preserve a esencia social da matanza tradicional Imprimir
Mércores, 02 Decembro 2020 13:56

O Museo de Verín impulsa a actividade “A Matanza”, un proxecto de investigación etnográfica colectiva que procura recoller, a través da participación da veciñanza, toda a información posible para construír un fío narrativo que preserve a esencia social dun evento que conforma parte da identidade herdada da nosa comarca. Tras a recollida dos datos, elaboráranse diferentes accións divulgativas para dar a coñecer os contidos obtidos.

O Museo de Verín busca recuperar aqueles elementos sociais que marcaban as características deste ritual moi arraigado na vida rural e integrado nas tradicións de outras celebracións tan relevantes como o propio Entroido. A “Matanza do porco”, máis alá doutras posibles consideracións e da función de abastecemento de carne para o resto do ano, posuía un significado como acto social fundamental na cohesión da vida rural e como símbolo de prestixio para as familias. Tanto é así, que as tradicións entorno á súa celebración constitúen unha das formas máis representativas da cultura popular galega.

Nos últimos tempos, o envellecemento da poboación, o éxodo do rural e os cambios sociais están a diminuír o número de matanzas no noso país. Ante a súa acelerada desaparición, faise necesario preservar o seu significado social para a memoria colectiva futura. O Museo de Verín abre todas as súas canles á conversa coa veciñanza para que, dende hoxe e ata o vindeiro 10 de xaneiro, veciños e veciñas poidan facer chegar as súas testemuñas para construír, entre todos, a historia da comarca.

Procúranse aspectos máis sociais como os roles de xénero que marcaban as tarefas e a súa evolución cos tempos, o traballo cooperativo entre os veciños e o proceso de socialización entorno á celebración. Pero tamén se pretende recoller os diferentes xeitos de elaboración dos embutidos, as ferramentas e utensilios empregados, os diferentes xeitos de realizar as tarefas... Búscase coñecer os costumes de cada casa: anécdotas, imaxes, vídeos... Todo o relacionado coa matanza e a súa celebración cobra un gran valor para a súa interpretación.

Os interesados poderán enviar os seus contidos a través da  páxina de Facebook do Museo de Verín, do correo museodeverin@gmail,com ou no teléfono 617963905.