O Curso de Teatro do Concello de Verín reabre as súas portas a partir de xaneiro Imprimir
Venres, 11 Decembro 2020 12:42

 Tras uns meses coa súa actividade paralizada debido á situación sanitaria provocada pola pandemia de COVID-19, o Concello de Verín retoma en xaneiro o seu Curso de Teatro. Esta iniciativa terá lugar no Pavillón Municipal de Verín, localización na que se leva impartindo desde finais do ano 2018.

As clases reiniciaranse baixo o cumprimento dun estrito protocolo de seguridade para evitar o risco de contaxios. Continúa, obviamente, a obrigatoriedade da máscara e a distancia social, coa  predominancia dos exercicios individuais. Ademais, existirá máis disparidade de grupos ao facelos máis reducidos nas actividades enfocadas a nenos, adolescentes e adultos.

Desde o inicio da corentena, a comezos do mes de marzo do presente ano, todos os grupos realizaron exercicios a distancia, como os monólogos ante cámara con personaxes estilizados. Neste último aumento das restricións foron algunhas das integrantes do grupo de adolescentes as que participaron nun anuncio sobre o ciberacoso nas redes sociais, un proxecto financiado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín e no que participaron profesionais locais do eido da Cultura como Iris Xusto, creadora e responsable da produtora audiovisual El Ojo de Iris.

As actividades públicas, que terán lugar durante o comezo do 2021, realizaranse ante unha cámara xa que, debido ás actuais medidas sanitarias, non se poderán representar en vivo ante os espectadores. Difundiranse posteriormente a través dos perfís oficiais que o curso de teatro habilitará en redes sociais Facebook e Instagram, e que comezarán a estar activos ao longo do mes de xaneiro.

«A idea é montar un concepto de escola cun enfoque innovador e vangardista para cambiar a percepción  declamada e textual do teatro xenérico. Unha escola que outorgue unha formación ao alumnado que consista no  autodescubrimiento, a superación de muros sociais, a linguaxe corporal e a  introspección persoal.», explicou Santiago Cañaveral, profesor responsable do curso de teatro.