A recuperación dunha “Cultura segura” e a dinamización do comercio local piares da programación do Nadal de Verín Imprimir
Xoves, 17 Decembro 2020 12:57

 O Concello de Verín presentou esta mañá a súa programación de Nadal, este ano condicionada pola actual situación sanitaria, pero cuns claros obxectivos, recuperar unha “cultura segura” e potenciar o consumo no comercio local, sempre mantendo as pertinentes medidas de seguridade.


O tradicional Belén da Viruca, o reforzo na iluminación de Nadal, tres eventos culturais de primeiro nivel enfocados a todos os públicos, pasarrúas temáticos, unha cabalgata de reis estática e o sorteo de 6.000 euros para incentivar o consumo no comercio local  son  as accións que conforman a programación do nadal verinés deste ano.

Así pois, na presentación da programación estiveron presentes, xunto ás concelleiras das áreas de Educación Cultura e Festexos e de Comercio Local, Emilia Somoza, e María Isabel González, José Ángel Rodicio e Santos Álvarez, presidente e xerente da Asociación de Empresarios de Verín (AEVER), entidade organizadora de parte das actividades da campaña do Nadal.

Somoza quixo facer especial fincapé na importancia de que a cidadanía poida volver gozar dunha "cultura segura", neste tempo marcado pola pandemia da Covid-19 e confirmou que a pesar da situación tan restritiva que se está a vivir, as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente estarán en Verín, este ano, dunha maneira diferente. «Preparamos a súa chegada de forma segura, organizando unha cabalgata estática na Praza do Concello de Verín, na que os máis pequenos da casa poderán visitar ás súas maxestades e deixarlle as súas cartas».

Spot promocional en  apoio ao Comercio Local

Así mesmo, o  Concello de Verín, a través da área de Promoción do Comercio Local, dirixida por María Isabel González, anunciou tamén que mañá venres 18, ás 21:00 horas, estrearase un vídeo promocional de apoio ao pequeno comercio cuxa finalidade é incentivar o consumo local e reactivar unha economía mermada polos efectos da Covid-19. Devandita estrea terá lugar, de maneira simultánea, no Facebook e páxina web oficiais do  Concello de Verín.

 “Xuntos,  é o momento de  apoiarnos”, é o lema que funciona como reclamo do novo vídeo promocional. Esta iniciativa forma parte das accións de apoio ao Comercio Local implementadas polo grupo de goberno, a través da área de Promoción  do Comercio Local, e que comprende un amplo paquete de medidas «coas que pretendemos reactivar e poñer en valor a actividade comercial da nosa vila», explicou María Isabel González.

 

 

PROGRAMA DE NADAL 2020//2021

 

Ata o  6 de xaneiro

BELÉN DA VIRUCA

Salón Parroquial de Verín, De luns a Sábado de 17:00 a 20.00 h/ Domingos e festivos de 11:00 a 13:00h e de 17:00 a 20:00h

Belén de gran tradición familiar que mostra a veciños e visitantes escenas típicas da tradición relixiosa e elementos da actualidade galega. Un Belén que é posible grazas á dedicación desta familia e a colaboración da Uap de Verín.

 

 

19, 23 e 26 de decembro | 2 de xaneiro

PASARRÚAS TEMÁTICOS

17:00 a 20:00h, rúas de Verín

Papa Noel, elfos e personaxes de Disney. Dúas carrozas temáticas encherán as rúas de Verín de música, cor e moita neve.

Organiza: AEVER en colaboración co Concello de Verín.

 

Do 20 de outubro ao 26 de decembro

Os 6.000 de Verín

Campaña organizada pola Asociación de Empresarios de Verín (AEVER) destinada a promover as ventas nos seus establecementos integrados, que entregarán boletos para participar nun sorteo, que terá lugar o día 30 ante notario, aos clientes que realicen compras do 20 de outubro ao 26 de decembro de 2020. O diñeiro deberá ser gastado nos locais que participen na campaña. + info: www.ccaverin.com

Organiza  AEVER en colaboración co Concello de Verín.

 

Sábado,  26 de decembro

OBRA DE TEATRO  “IDIOTA”

19:00 h.  Auditorio Municipal.

Dirixida por Alex Sampayo sobre un texto do catalán Jordi Casanova e coprotagonizada por Susana Sampedro e polo verinés Machi Salgado (gañador do premio María Casares ao mellor actor protagonista), trátase dunha comedia negra sementada de minas en forma de dilemas morais e acuciantes descargas de presión psicolóxica que se mergulla nos mecanismos da manipulación, nos resortes da cobiza, o poder das grandes corporacións, a capacidade da tolerancia ante o abuso de autoridade e as inconmensurables dimensións da estupidez humana, sempre ignorante da letra pequena das cláusulas que impón a vida.

Entrada: 5 euros. www.ataquilla.com

Organiza: Concello de Verín.


Domingo,  3 de xaneiro

OBRA DE TEATRO INFANTIL  “MMM! UNHA COMEDIA MUSICAL PARA CHUPAR OS DEDOS”,

17:30 h.  Auditorio Municipal.

Unha divertida peza infantil e familiar finalista ao mellor espectáculo infantil nos XXIV Premios de Teatro María Casares 2020. Ao ser un  espectáculo infantil, permitirase a asistencia dun adulto e un menor en butacas adxacentes, sempre mantendo o consecuente protocolo de separación co resto de asistentes.

Entrada: 5 euros. www.ataquilla.com

Organiza: Concello de Verín.


Domingo día 5 de xaneiro

CABALGATA ESTÁTICA DE REIS

17:00 a 20:00 h. Praza do Concello de Verín.

As súas maxestades de Oriente estarán presentes na praza do Concello de Verín, onde recibirán a visita das familias para falar cos máis pequenos da casa e recibir a súa cartas. Os menores asistentes recibirán un agasallo moi especial da man dos seus paxes, sempre baixo un estrito protocolo de seguridade seguindo as medidas sanitarias vixentes.

Organiza: Concello de Verín.


Mércores,  6 de xaneiro

CONCERTO  “DE VACAS

19:00 h.  Auditorio Municipal.

Veñen de facer unha xira mundial de máis de 120 concertos nos que encheron prazas e teatros. Gañaron premios, fixeron galas, bandas sonoras para programas de radio e televisión e músicas para anuncios publicitarios. Do Land Rober ao Luar, cantan en todos os idiomas do mundo, pero aman aos   nosos poetas por encima de todo, como Enrique Iglesias. Rescatan retrousos  esquecidos,  tarareos que foran populares nas voces de Cristina da Aguieira ou Mónica da   Laranxeira.  Ansida de Mocidade e fusión internacional.

Entrada: 5 euros. www.ataquilla.com

Organiza: Concello de Verín.