Os axentes culturais da comarca de Verin reúnense para debater sobre o futuro da cultura local Imprimir
Martes, 22 Decembro 2020 18:37

 O vindeiro 28 de decembro, ás 20.00 horas, o Auditorio Municipal de Verín acollerá o evento “Mesa Redonda: Covid-19 e cultura en Verín”. Trátase dunha reunión entre os axentes culturais da comarca de Verín co fin de establecer un diálogo sobre os camiños a seguir tras a COVID-19. A actividade xorde das mans de Farlopa.Fanzine e conta coa colaboración de Akasha Laboratorio Audiovisual e co apoio do Concello de Verín.

O evento, de carácter completamente altruísta, nace como resposta á demanda de crear un punto de encontro e debate para os distintos axentes culturais da comarca.  Permitirá a posta en común das diferentes visións para afrontar a situación derivada do último ano e procurará servir como motor para motivar futuras iniciativas a través da colaboración entre as entidades involucradas.  “Mesa Redonda: Covid-19 e cultura en Verín” tamén dará voz aos artistas locais mediante a exhibición de diferentes obras ao longo do evento.

“Mesa Redonda: Covid-19 e cultura en Verín” contará coa presenza de varios axentes culturais da comarca convidados para mostrar os diferentes sectores e puntos de vista da situación actual. Mais a idea do evento é que todos os interesados poidan participar dalgún modo. Por iso, será retransmitido en directo e poderá ser visualizado a través da canle de You Tube de Farlopa.fanzine e das redes sociais dos participantes grazas á realización de  Akasha Laboratorio Audiovisual. Con isto buscase dar a posibilidade de participar en todo momento no diálogo tamén dende a casa. Unha moderadora online recollerá os comentarios do streaming e compartiraos cos asistentes no auditorio.

Ademais, aqueles axentes que queiran asistir ao debate de xeito presencial poderán escribir ao correo  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo antes do 27 de decembro. O aforo no auditorio será limitado co fin de poder manter as medidas sanitarias precisas.