O Concello de Verín pide a mediación de Frai Chitín para que o Vaticano preste o “papamóbil” para protexer á Raíña do Entroido Imprimir
Domingo, 27 Decembro 2020 20:56

Frai Chitín de Ábedes, prior maior da Orde do Santo Entroido de Verín, ven de recibir o encargo oficial do goberno municipal para solicitarlle ao Vaticano o aluguer do “papamóbil”, coa fin de que  a Raíña do Entroido poida percorrer a vila sen perigo polo Covid.  Segundo o alcalde, Gerardo Seoane, o Concello solicita “a comprensión do sumo pontífice coa necesidade de protexer a unha figura tan importante” nun ano tan complicado no que o Entroido será lóxicamente moi distinto aos habituais, sen aglomeracións nen actos multitudinarios.


Precisamente polo que se anticipa como un Entroido sen actos públicos, o Concello de Verín estudia a blindaxe dos seus personaxes emblemáticos ante os posibles problemas de saúde. “A presencia da Raíña do Entroido nas rúas, aínda que fose breve e simbólica”, apunta o goberno, “serviría para elevar moito o ánimo dos verineses neste  Entroido anómalo, pero ten que ser con total seguridade para a Raíña”.

E por iso que,  tras abordar  o tema cun comité de expertos, o Concello ven de determinar que a utilización dun vehículo acristalado e totalmente illado do exterior, como é o coñecido como “papamóbil”, sería idóneo para que a Raíña do Entroido poidera facer varias pasadas pola vila, sin risco ningún de contaxio, e ademáis estando  ao quente.

“Primeiro pensamos en comprar un, que así xa quedaba tamén para o San Antón”, explican dende o Concello, pero “ante o elevado custe dun destes vehículos, e dado que non entra dentro das partidas que se poderían asimiliar as medididas anticovid, decidimos pedirlle un prestado ao Vaticano”.

As titas farán unha bandexa especial de “Linguas de Papa”

Na misiva que Frai Chitín portará para o Papa, o alcalde de Verín explicaralle as necesidades acontecidas polas actuais circunstancias sanitarias no Entroido, rogándolle que llas trasmita ao Papa, que sin dúbida amosará comprensión co problema. “Non teñen que mandar chofer nin gardacostas, que xa o conduce Don Carnal”.

Frai Chitín portará, asimesmo, unha bandexa especial de “Linguas de Papa”, elaboradas polas Titas. “Será unha edición especial e única”, explican dende o Concello, “que farán as afamadas pasteleiras de Verín, para que o sumo pontífice non vexa agraviado polo protagonismo que aquí lle damos ao bispo. Ademáis, levarán o doble de crema”.

“Será un fito histórico”, dixo Seoane,  “por ser a primeira colaboración da Santa Sede cun Entroido, cousa que nunca acontecera ata o de agora”. “Se un Papa pode entedelo, é o actual”, sinalou, “polo seu carácter progresista e aberto. Se esto fructifica, invitarémolo a que veña ao próximo Lázaro -si xa pasou a pandemia- e pedirémoslle a excomunión para o entroido de Xinzo”.

Ademáis, “tampouco non teñen que mandar un dos novos, chéganos co “papamóbil” vello, o do papa emérito, que está no garaxe de Castelgondulfes e que non se usa, aínda lle ven ben que sacalo un pouco para que no lle colla perlita nas bujías”, remataron fontes do Concello.