O Museo do Claustro Mercedario acolle a exposición “O viño nos camiños de Santiago” Imprimir
Venres, 06 Agosto 2021 12:30

Sabías que Galicia conta co seu propio candidato a Santo Grial? Coñeces o ritual oficial do Cabildo compostelán para purificar a catedral de Santiago logo dunha pelexa de peregrinos? Estas e moitas outras curiosidades do Camiño de Santiago e a súa relación co viño son o obxecto da exposición "O viño nos camiños de Santiago", que permanecerá visitable no Museo do Claustro Mercedario ata outubro.

A exposición consiste nun percorrido polas diferentes pegadas que a cultura do viño ten deixado na súa interacción cos distintos camiños de Santiago. Como explica o seu comisario, Francisco Singul Lorenzo, o consumo do viño "incrementa a súa importancia coa chegada do cristianismo, o se lle outorgar un papel central dentro da celebración eucarística, sen perder peso na alimentación".

Para coñecer esta historia, as fotografías e textos da exposición acompañan ao visitante pola xestión das ordes monásticas e militares, os cabidos e os bispados, ata que "xa chegados ao século II, contamos cun documento extraordinario, o Códice Calixtino, que no seu Libro V contén abondosas referencias ao viño e mesmo descricións dos caldos de moda na época: dende Terra de Campos ata Gascuña".

Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacou “a pertinencia no tempo desta exposición”, desenvolta en pleno doble ano Xacobeo “na nosa localidade, punto importante do paso de peregrinos que deben coñecer a singularidade dun territorio que destaca cada vez máis polos seus viños”.

Asimesmo, a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, sinalou que con esta mostra se completa a oferta cultural de Verín neste verán no que hai que manter a prudencia, “proporcionando aos visitantes unha experiencia segura, baixo os actuais protocolos anti-covid, pero co interese dunha iniciativa que vai ser vista en toda Galicia neste doble Ano xacobeo”.

 

 

 

O Santo Grial, en Galicia

Da fértil relación entre o viño e o Camiño de Santiago nacen importantes feitos históricos, coma o do Cáliz de O Cebreiro, reliquia sagrada que foi reivindicada coma o Santo Grial galego, ou as redes comerciais do viño que nacían en Pontevedra e que levaban o viño de Galicia a toda Europa, ou os rituais de purificación da catedral de Santiago tras a morte dun peregrino nunha pelexa, na que houbo que empregar cinsa e viño.

A exposición, comisariada por Francisco Singul Lorenzo, doctor en Historia da Arte, permanecerá aberta no Museo do Claustro Mercedario ata outubro. Deseñada por iniciativa do Museo do Viño de Galicia, emprenderá posteriormente a súa itinerancia por diversos centros galegos.