Presentación da obra "Onde o mundo se chama Servoi" de Francisco Xavier Pérez Álvarez en Verín Imprimir
Sábado, 09 Decembro 2023 15:35

O 13 de decembro, ás 19:30 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín será o escenario da presentación da obra "Onde o mundo se chama Servoi" escrita por Francisco Xavier Pérez Álvarez, filólogo e escritor nacido en Servoi no ano 1969.


A obra mergulla ao lector nunha serie de relatos curtos que teñen como escenario Servoi, A narrativa, ás veces intimista, está salpicada de personaxes reais e magnánimos, que gradualmente van teixendo unha trama novelística. Pérez Álvarez rende homenaxe aos poboadores dun tempo e lugar que, irremediablemente, esmorece no pasado.

Francisco Xavier Pérez Álvarez, licenciado en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, realizando os cursos de doutoramento no Instituto da Lingua Galega e varios traballos na investigación lingüística, contribuíndo ao IV volume do Atlas Lingüístico de Galicia; Léxico. Ademais, realizou labores de dialectoloxía galega no concello de Vilardevós e colaborou en diversas revistas de pensamento crítico como a Trabe de Ouro” ou Cadernos da Lingua. En 2020, Pérez Álvarez inicia a súa andaina na produción literaria con "Lembranzas dun vagalume de outono". Agora, presenta a súa nova obra "Onde o mundo se chama Servoi".

A presentación contará coa presenza do autor e os asistentes terán a oportunidade de profundizar na obra e intercambiar ideas co escritor durante o evento.

Sinopse: Onde o mundo se chama Servoi: «Pensar que o pasado nunca morre parece algo irrebatible e ineluctable. Todos e cada un de nós formamos parte dunha historia común da que ninguén pode lograr escapar. Nesta sucesión de historias de ideas entrelazadas xoga un papel primordial a memoria coa súa fame desmedida de lembranzas. A diferencia doutros lugares poéticos imaxinarios, o narrador ubica esta obra nunha paraxe real e concreta: Servoi, unha aldea que máis ca un conto, semella un reconto de anécdotas, avatares e lendas vinculados nun estilo prosaico, ás veces intimista, mais salpicado de personaxes reais e magnánimos de corpo e alma que paulatinamente van configurando a trama novelesca. Esta serie de relatos curtos é unha homenaxe, unha débeda aos poboadores dunha terra e un tempo que irremediablemente esmorece e xa é pasado. Para loitar contra ese río do esquecemento están as palabras imparables coma pedras que cruzan á outra beira: a beira dos recordos.»