Xornada de Convivencia para os usuarios e usuarias do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria no Concello de Verín Imprimir
Xoves, 22 Febreiro 2024 17:21

A Deputación Provincial de Ourense, en colaboración coa Área de Benestar Social do Concello de Verín, tivo o pracer de organizar unha Xornada de Convivencia para os usuarios e usuarias do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria no Concello de Verín.


A Xornada tivo lugar no Centro Sociocomunitario, converténdose nun espazo de encontro entre os técnicos e as técnicas do servizo e os seus usuarios e usuarias. Este evento tivo como obxectivo principal fortalecer os lazos entre os usuarios e o persoal do servizo, así como fomentar un ambiente de convivencia e apoio mutuo. Estiveron presentes nas xornadas a concelleira de Servizos Sociais, Rosario Rodríguez; a concelleira de Tráfico, Seguridade Ciddá e Protección Civil, Cándida Couñago; ademáis da técnico da Deputación de Ourense responsable do proxecto e dos técnicos municipais da área de Servizos Sociais.

O Servizo de Teleasistencia Domiciliaria é un recurso vital de natureza tecnolóxica que permite ás persoas usuarias estar en contacto permanente cun centro de atención de chamadas, proporcionando asistencia inmediata e continua, 24 horas ao día, 365 días ao ano. Este servizo está especialmente deseñado para persoas maiores que viven soas, asegurando que reciban axuda inmediata en caso de emerxencia. É importante sinalar que este servizo é completamente gratuíto e goza dunha ampla aceptación na nosa comunidade.

«No Concello de Verín», explicou Rosario Rodríguez, contamos con máis de 100 usuarios e usuarias que se benefician deste servizo vital. A través de eventos como a Xornada de Convivencia, reafirmamos o noso compromiso de ofrecer unha atención integral e de calidade ás persoas que confían en nós para o seu benestar e seguridade».

Para máis información sobre o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria en Verín, póñase en contacto coa Área de Benestar Social do Concello de Verín ou coa Deputación Provincial de Ourense.