O Pleno Infantil de Verín pon o foco na Axenda 2030 e no desenvolvemento sostible Imprimir
Venres, 05 Abril 2024 13:01

Un total de 165 alumnos e alumnas de sexto de primaria e de primeiro de ESO pertencentes aos centros educativos de Verín, Amaro Refojo, María Inmaculada, Mercedarios e Princesa de España, participaron esta mañá no Pleno Infantil, convocado polo Concello para coñecer as inquedanzas e os desexos de implicación na vida pública dos veciños máis novos da vila.



A Axenda 2030 e os obxectivos de desenvolvemento sostible foron o eixo temático sobre o que versou a sesión plenaria, que foi presidida polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e contou coa presenza do tenente de alcalde e concelleiro de Mocidade, Diego Lourenzo; a concelleira de Cultura, Educación e Festexos, Samanta Barreira; a concelleira de Seguridade Cidadá, Tráfico e Protección Civil, Cándida Couñago; e a concelleira de Benestar Social, Rosario Rodríguez.

Cada centro educativo elixiu dous obxectivos: O CEIP Princesa de España, Educación de calidade e Igualdade de Xénero; o CPR Mercedarios, Saúde e benestar e Acción polo Clima; o CEIP Amaro Refojo, Enerxía asequible e non contaminante e Produción e Consumo Responsables; e o CPR María Inmaculada a Erradicación da Pobreza e as posibles alianzas para lograr os obxectivos.

Tamén durante o transcurso do pleno infantil, o alumno Adrián Colmenero Martínez -do centro educativo María Inmaculada- foi elixido alcalde infantil de Verín 2024.

Por último, o alumnado tivo a oportunidade de formular preguntas e propostas sobre estas temáticas e os proxectos que se están a levar a cabo en Verín.

O Pleno Infantil

O Pleno infantil foi concebido conxuntamente polo Concello e os centros educativos da vila coa finalidade de fomentar a concienciación da mocidade verinesa sobre diferentes temáticas que son fundamentais para o seu desenvolvemento persoal e social. «Neste caso», salientou o alcalde de Verín, «consideramos que é fndamental educar ao alumnado desde as idades máis temperás para xerar conciencia sobre a importancia do desenvolvemento sostible da nosa sociedade».