Cinema ‘A Caixiña dos mistos’ e Obradoiros de Animación en Verín Imprimir
Venres, 25 Xuño 2010 16:35

O vindeiro luns 28 de xuño, as piscinas ‘A Granxa’ acollerán a proxección do cinema ‘A Caixiña dos Mistos’ e o Obradoiro de Animación en stop-motion, organizados pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo co apoio do Concello de Verín.

‘A Caixiña dos Mistos’ é unha sala de cinema itinerante nunha caravana. Nela proxéctanse curtametraxes infantís nun espazo de xogo e aprendizaxe que invita a soñar. No recinto exterior da Caixiña dos Mistos, os nenos e nenas elixen as súas películas da carteleira e participan en actividade de lecer mentes esperan pola súa sesión de cinema. O catálogo 2010 conta cun curtametraxes chegadas de todo o mundo: Brasil, EE.UU., Australia, Eslovaquia, México e Arxentina son algúns dos países de procedencia da selección para este ano con pezas multipremiadas como Pigeon Impossible, Iker pelos tiesos, Anything you can do ou O soldadiño de chumbo. As proxeccións terán lugar de 11.30 a 13.30 horas e de 16 a 20 horas.

No Obradoiro de Animación en stop-motion, de catro horas de duración -16 a 20 horas-, os pequenos da casa son os protagonistas na creación dunha película de animación, podendo deste xeito gozar dun ocio creativo que dará como resultado a creación do penúltimo capítulo da historias de Pelegrín e Can, que xa levan vividas moitas aventuras.

A localidade de Verín será a penúltima parada da Ruta Xacobea do Camiño Infantil, realizada durante o mes de xuño, e na que xa participaron máis de 1.200 nenos/as, con idades comprendidas entre os 3 e 14 anos, dos Camiños de Santiago.