Presentación das novas instalacións do Complexo Deportivo A Granxa en Verín Imprimir
Venres, 16 Xullo 2010 10:55

O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e o concelleiro de Deportes e Mocidade, Víctor Manuel Baladrón Lamas, acudiron esta mañá ao Complexo Deportivo de A Granxa para presentar as novas infraestruturas realizadas nese espazo.

“A renovación desta área polideportiva constituía unha vella reivindicación de todos os verinenses, asociacións e sectores deportivos do noso municipio”, indicou o rexedor, Juan Manuel Jiménez Morán, “situada ao carón de varios centros educativos do noso concello, que superan os 2.500 alumnos e alumnas, e que daba cobertura a maioría deses alumnos así como a diferentes entidades deportivas”. “Unhas instalacións deportivas que só contaban cun campo de fútbol de terra, dous vestiarios totalmente deteriorados para o campo de fútbol, un pavillón cuberto con solo de formigón, dous vestiarios para este pavillón e dúas pistas de tenis”, puntualizou o alcalde.

Despois dunha inversión de 1.763.904,29 €, o Complexo Deportivo de A Granxa presenta un aspecto totalmente distinto e renovado, conformado polas seguintes instalacións:
- Campo de fútbol, de 100 x 60 metros, de herba artificial de última xeración.
- Dous campos de fútbol 7 incluídos no anterior.
- Gradas cubertas para 420 espectadores.
- Pavillón polideportivo cuberto con pista de madeira de última xeración.
- Sete vestiarios no interior do pavillón polideportivo.
- Aseos para espectadores no interior do pavillón, dos que antes carecían.
- Dúas novas pistas de pádel de herba artificial e paredes de cristal.
- Dúas pistas de tenis reformadas.
- Pista polideportiva exterior de usos múltiples.

Ademais, e segundo recoñeceu o rexedor “elimináronse as barreiras arquitectónicas no interior do pavillón que impedía o acceso ao seu interior a persoas con mobilidade reducida”.

Por outra banda, o contorno destas instalacións deportivas pechouse cun valado perimetral, e pavimentouse os accesos e espazos libres entre todas estas infraestruturas con formigón pulido que “facilita o acceso a todas, sobre todo en tempadas de choiva, onde a anterior instalación era practicamente intransitable”, asegurou Jiménez Morán.  Ademais, o campo de fútbol está dotado de catro torretas de 36.000 vatios de potencia que permiten a súa utilización de noite, ao igual que as pistas de pádel e os accesos das diferentes instalacións; así como aseos exteriores para os usuarios e espectadores de todas as instalacións.

“Desde o primeiro día desta lexislatura un dos obxectivos deste grupo de goberno e fomentar unha política municipal promotora da saúde, que impulse a participación comunitaria, promova ambientes onde sexa máis fácil practicar comportamentos e estilos de vida saudables, a través da boa alimentación e da práctica regular do deporte”, afirmou o alcalde de Verín. Por este motivo, “con estas novas instalacións se incentivará  a práctica deportiva entre os mozos, nenos e nenas das escolas municipais, que son o noso futuro”, subliñou Jiménez Morán, “e permitirán que diferentes asociacións e colectivos deportivos, como os veteranos, poidan utilizar un complexo dotado cos mellores equipamentos”.

Con todo, e antes de que comece o curso escolar, a nova área de A Granxa tamén contará cun novo circuíto de aparellos biosaudables, ao carón do IES García Barbón, e a final de ano cunha nova pista de tenis.