Adolfo Taboada presenta ‘O Verín das pedras nobres’ Imprimir
Mércores, 02 Febreiro 2011 11:51

A Casa da Cultura de Verín acolle mañá día 3 de febreiro, ás 19 horas, a presentación de O Verín das pedras nobres.

O texto, de Adolfo Taboada Sanz, está editado no número 5 dos Cadernos Manuel Taboada Cid para a divulgación da cultura verinense. A edición foi promovida polo Concello de Verín coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Adolfo Taboada, sobriño de Xesús Taboada Chivite, é o continuador nos seus labores nos ámbitos da xenealoxía e a heráldica. O Verín das pedras nobres recolle dúas pequenas investigacións do coñecido avogado verinense. Taboada Sanz demostra, no seu estudo sobre o brasón da Casa do Asistente, porqué, como heraldista e xenealoxista, está considerado, a nivel da Comunidade Autónoma galega, unha autoridade, que participa como tal nos proxectos máis sólidos que se están a desenvolver nos ámbitos editorial e institucional en Galicia nesas materias tan específicas.

Na súa investigación sobre a praza da Estrela, devolve á memoria colectiva comarcal o porqué dos versos do Alalá de Monterrei (Monterrei está nun alto e Verín está nun baixo, Nosa Señora da Estreal está nun campiño raso), e fainos reflexionar sobre a evolución no uso comunitario dos espazos públicos.