1ª Fase da Urbanización da estrada Verín - Tintores Imprimir
Luns, 21 Marzo 2011 14:50

Nas próximas semanas iniciarase a primeira fase da urbanización da estrada Verín – Tintores, no tramo de Verín-Vilela, enmarcada dentro do Plan de Investimentos nas infraestruturas viarias de titularidade provincial e municipal, solicitada polo Concello de Verín á Deputación Provincial de Ourense.


A actuación, que conta cun orzamento de 176.072,68 euros, comprende un tramo de 675 metros da estrada Verín-Tintores, desde a saída de Verín ata pasado o cruce da estrada que conduce ao Hospital Comarcal de Verín e ao campo de fútbol. As obras comprenden a urbanización e ensanche do viario ata un ancho de 14 metros dos que 10,70 corresponden á calzada e 3,30 a dúas beirarrúas e 1,65 metros a cada lado com beirado de formigón e loseta hidráulica.

O ensanche e pavimentación da calzada existente realizarase en aglomerado asfáltico en quente, mentres que os desniveis entre beirarrúas e as fincas lindeiras resolveranse mediante muros de cachote granítico de canteira sobre os que se apoian os cerramentos. O drenaxe da explanada efectuarase mediante sumidoiros que se unirán ás canles existentes que atravesan a calzada; así como a colocación da rede de fecais, independente da de pluviais. Ademais, da substitución da iluminación actual por farois de baixo consumo e a ampliación dos pontóns e sumidoiros da actual estrada mediante caixas de formigón armado, da mesma sección dos existentes.