III Semana da Educación e Seguridade Viaria da Eurocidade Chaves - Verín Imprimir
Mércores, 09 Novembro 2011 18:44

Dende o día 14 ao 17 de novembro, a Eurocidade Chaves-Verín organiza a III Semana da Educación e Seguridade Viaria, destinada a mostrar actuacións de educación e seguridade viaria aos cidadáns das dúas poboacións.

Unha iniciativa enmarcada dentro do 'Proxecto de Educación e Seguridade Viaria da Eurocidade Chaves-Verín' que pretende non só servir de laboratorio de boas prácticas para outras zonas fronteirizas da Comunidade Europea, senón tamén para unir esforzos, intercambiar experiencias e dar maior solidez á cooperación transfronteiriza existente, fomentando a realización de controis de seguridade conxuntos entre as forzas e corpos de seguridade lusos e españois, e sensibilizar aos  cidadáns das actitudes e coñecementos idóneos para reducir o número de accidentes de tráfico nunha zona transfronteiriza habitada por máis de 60.000 persoas.  

Este proxecto, nacido no ano 2009 e motivado pola adhesión á Carta Europea de Seguridade  Viaria, conseguiu un dos galardóns dos ‘Premios de Excelencia en Seguridade Viaria’, entregados o pasado 1 de febreiro pola Comisión Europea aos seis compromisos máis destacados de 2010 na Carta Europea da Seguridade Viaria.

Durante a III Semana da Educación e Seguridade Viaria realizaranse actuacións como o seminario internacional “Seguridade sen fronteiras”, as charlas-coloquios “Seguridade Viaria e 3ª Idade” e “Retos en Seguridade Viaria”, así como xornadas prácticas, que inclúen exposición de material didáctico, patrullas infantís, exhibición de medios e simulacro de excarceración dun accidente de tráfico (se as condicións meteorolóxicas o permiten) ou actividades de seguridade viaria en parque infantil de tráfico, entre outras. Na organización da mesma colaboran a Xefatura Provincial de Tráfico, Agrupación Guardia Civil de Tráfico de Verín, Policía Local de Verín, Guardia Civil de Verín, Cruz Vermella Monterrei, Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín, Protección Civil de Verín, Grumir de Verín, Guarda Nacional Republicana, Polícia de Segurança Pública, Corporaçôes de Bombeiros de Chaves, Protecção Civil, concellerías de Tráfico e Educación de Ourense, Eurocidade Chaves-Verín, Câmara Municipal de Chaves e Concello de Verín.

A Eurocidade Chaves - Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).