Visita de expertos europeos á Eurocidade Chaves-Verín Imprimir
Mércores, 06 Agosto 2008 13:11
Unha delegación francesa da MOT (Misión Operacional Transfronteiriza) e expertos do proxecto URBACT, ao cal foi convidada a Eurocidade, visitaron entre o 4 e o 6 de agosto as localidades de Verín e Chaves para realizar un traballo de campo sobre a realidade do proxecto Eurocidade Chaves-Verín.
Durante dous días, o grupo de expertos en ordenación dos territorios transfronterizos da MOT, formado por Ludivine Salambo, Jean Rubio e Christian Lamour, estiveron coas dúas persoas que constitúen o Secretariado Técnico Conxunto do proxecto (Ana Ladeiras, de Chaves e Mª Carmen Pardo, de Verín) e o técnico do Gabinete de Apoio Técnico (Julio Varela) entrevistando a algúns dos axentes directamente implicados no proxecto, ademais de realizar visitas aos lugares máis destacados da Eurocidade.

A recepción en Verín tivo lugar o 5 de agosto na Casa do Concello, onde a Tenente de Alcalde, Mª Carmen Pardo, realizoulles unha breve exposición sobre as características do municipio e a súa realidade económica, de igual modo que se fixo en Chaves.

Os resultados obtidos durante esta visita de estudo serán incorporados ao proxecto europeo URBACT sobre a Gobernanza das Agrupacións Transfronteirizas, proxecto ao que se incorporará a Eurocidade Chaves-Verín, xunto con outras 5 aglomeracións urbanas transfronteirizas de Europa: a Eurometrópole Lille-Kortrijk-Tournai (Francia e Bélxica), o Eurodistricto Basel (Francia, Alemañe e Béxica), Görlitz-Zgorzelec (Alemaña-Polonia), O Eurodistricto Strasburgo-Ortenau (Francia-Alemaña) e Esztergom-Sturovo (Hungría-Eslovaquia).