Adxudicación da obra de rehabilitación da aduana de Verín para a futura sede da Eurocidade Imprimir
Luns, 12 Xullo 2010 16:26

A Deputación Provincial de Ourense adxudicou, con carácter provisional, a obra para a rehabilitación da antiga aduana de Verín, situada en Feces de Abaixo, co obxecto de convertela en futura sede da Eurocidade Chaves-Verín.

Devandita reforma recaeu na empresa Vipeca Obras y Servicios, que formulou unha oferta económica por un importe de 323.338,40 euros, e que está integrada no Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP), cofinanciado nun 75% con fondos FEDER da Unión Europea.

O proxecto desta reforma inclúe unha rehabilitación integral das instalacións e permitirá situar na mesma o Portelo da Eurocidade, Gabinete de Apoio Técnico da Eurocidade, Oficina Transfronteiriza da Mocidade e do Local de Ensaios Transfronteirizos, coa participación da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia e o Instituto Português de Juventude.