A Eurocidade Chaves-Verín galardoada nos ‘Premios de Excelencia en Seguridade Viaria’ Imprimir
Martes, 01 Febreiro 2011 22:56

A Eurocidade Chaves-Verín recibiu, na xornada de hoxe, un dos galardóns dos ‘Premios de Excelencia en Seguridade Viaria’, entregados pola Comisión Europea aos seis compromisos máis destacados de 2010 na Carta Europea da Seguridade Viaria.


Unha iniciativa que destaca as prácticas máis innovadoras realizadas no marco desta carta, creada pola Comisión Europea no ano 2001 co obxecto de reducir o número de vítimas dos accidentes de tráfico, e que premia as actuacións destinadas a mellorar a seguridade viaria e salvar vidas nas estradas europeas. Unha cuestión realizada no  Proxecto de Educación e Seguridade Viaria da Eurocidade Chaves-Verín, que ten como obxecto establecer un marco cara á implementación desta iniciativa innovadora no ámbito da educación e seguridade viaria, que poida servir de laboratorio de boas prácticas para outras zonas fronteirizas da Comunidade Europea, na que unir esforzos e intercambiar experiencias, dar maior solidez á cooperación transfronteiriza existente para a realización de controis de seguridade conxuntos entre as forzas e corpos de seguridade lusos e españois, avalados por protocolos de colaboración entre os Ministerios de Interior de ambos os países e definir o punto de partida dunha iniciativa destinada a dotar aos nosos cidadáns das actitudes e coñecementos idóneos para a adquisición de boas prácticas que reduzan o número de accidentes de tráfico nunha zona transfronteiriza habitada por máis de 60.000 persoas.

Un proxecto avalado tras a adhesión á Carta Europea de Seguridade Viaria, o pasado mes de abril, e no que se inclúen a realización de accións concretas como: charlas-coloquio dirixidas a grupos de risco, como alumnos de centros educativos, embarazadas, Terceira Idade e persoas con discapacidade ou mobilidade reducida, promoción de cursos de educación viarios anuais co fin de indicar cal debe ser o comportamento como peón, pasaxeiro ou condutor, eliminación de barreiras arquitectónicas, mantemento e reposición de sinais de tráfico, e repetición da ‘Semana de Seguridade e Educación Viaria’ na Eurocidade Chaves-Verín, na que colaboran a Xefatura Provincial de Tráfico, Agrupación Guardia Civil de Tráfico de Verín, Policía Local de Verín, Guardia Civil de Verín, Cruz Vermella Monterrei, Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín, Guarda Nacional Republicana, Polícia de Segurança Pública, Corporaçôes de Bombeiros de Chaves, Protecção Civil, Governo Civil de Vila Real, Câmara Municipal de Chaves e Concello de Verín.  

Durante o acto, presidido por Siim Kallas, vicepresidente da Comisión Europea e Comisario de Transportes, participaron Sílvio José Sevivas da Silva e  Fernando Castro Salgado como representantes dos municipios de Chaves e Verín, que mostraron aos presentes a realidade do Proxecto de Educación e Seguridade Viaria da Eurocidade Chaves-Verín, así como as actuacións desenvolvidas no mesmo durante estes últimos anos. As seis categorías nas que se entregaron estes premios, un por categoría, foron: empresas grandes e multinacionais, pequenas e medianas empresas, federacións e asociacións, institucións, organizacións non gubernamentais, rexións e cidades (nesta última categoría resultou  premiado o Proxecto de Educación e Seguridade Viaria da Eurocidade Chaves-Verín).

Esta xornada tamén incluíu a sinatura da Carta Europea de Seguridade Viaria por parte de novos membros e a realización dos workshops sobre os seguintes temas “Actividades de seguridade viaria internacionais na próxima década”, “Seguridade viaria profesional: como construír unha solución integrada” e “Seguridade viaria na cidade: como mellorar a seguridade dos usuarios vulnerables”.

A Eurocidade Chaves - Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza  España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).