A Eurocidade Chaves-Verín participa no IX Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal Imprimir
Martes, 01 Febreiro 2011 22:22

A sede da Fundação de Serralves en Porto acolleu a celebración do IX Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, no que o titular da Xunta de Galicia,  Alberto Núñez Feijóo tomou a presidencia deste organismo.

Despois de dous anos desde o último plenario, este foi o momento de realizar un balance das actividades desenvolvidas en varias temáticas de interese para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como: a reforma da súa Comunidade de Traballo, a dinamización do seu Observatorio Transfronterizo, o estudo de novos de modelos de xestión compartida de equipamentos e servizos colectivos de proximidade en zonas transfronteirizas de baixa densidade, os fondos comunitarios adicados á cooperación transfronteiriza, a consolidación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial de Galicia-Norte de Portugal e os proxectos da Eurocidade Chaves-Verín.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo manifestou a súa intención e empeño en continuar, e se é posible mellorar o bo traballo realizado, referíndose á Eurocidade Chaves-Verín como bo exemplo de cooperación.

O futuro da Eurocidade Chaves-Verín pasará, a corto prazo, por desenvolver unha cidade da saúde transfronteriza onde verinenses e flavienses compartan servizos sanitarios incrementando deste modo a calidade e especialidades médicas; así como unha liña de transporte que conecte ambos municipios e unha promoción turística baseada na formación e potenciamento da auga termal a través do Centro de Formación Turístico-Termal e de Investigación da Auga. Ademais, o acceso ao amplo abanico de servizos municipais compartidos aos que xa poden acceder os/as veciños/as de Chaves e Verín, e que se ampliarán grazas a Tarxeta do Eurocidadán como sinal de identidade da eurocidadanía.

Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e presidente do Grupo de Traballo da Eurocidade Chaves-Verín expuxo ao longo do plenario que a “Eurocidade Chaves-Verín representa un exemplo de cooperación transfronteriza no que converxen os ámbitos económico, social e cultural de tal modo que a fronteira conforma unha oportunidade para o desenvolvemento”. Ademais, trasladou aos presentes que “nun momento no que a fisonomía das cidades cambia tan rapidamente, o feito de aproveitar as oportunidades a través do desenvolvemento de obxectivos estratéxicos claros como a sostenibilidade territorial, dinamización económica e eurocidadanía implica que o aproveitamento dos recursos redunde na redución de custos evitando a duplicidade en equipamentos”.

No acto no que tamén participaron o presidente do Municipio de Chaves, João Gonçalves Martins Batista, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, asináronse protocolos sectoriais co Centro de Cooperação Transfronteriço, a Confederación de Empresarios de Pontevedra e a Associação Empresarial de Portugal; o protocolo da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés entre a Consellería de Medio Rural e o Instituto de Conservação da Natureza e da Biodiversidade, e presentouse o libro ‘Unha Eurorrexión, entre dous séculos”.

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza  España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).