Semana cultural e deportiva destinada a conmemorar o Día Mundial do Alzheimer en Verín Imprimir
Venres, 30 Agosto 2013 12:51

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Alzheimer, o vindeiro 21 de setembro, a área de Persoas Maiores de Servizos Sociais do Concello de Verín promove unha semana cultural e deportiva destinada a visibilizar esta enfermidade.

A mesma, que terá lugar do 14 ao 21 de setembro, estará conformada por actividades culturais e deportivas destinadas a toda a poboación do municipio, así como aos familiares e coidadores das persoas afectada polo alzheimer, unha enfermidade progresiva que afecta a aproximadamente 22 millóns de persoas en todo o mundo, e que unha das principais causas de mortalidade entre os adultos, despois de enfermidades cardíacas, cáncer e apoplexía.

A primeira actividade prevista será a exposición fotográfica 'Desvelos sinxelos' na Casa do Escudo de Verín. A súa inauguración terá lugar o 14 de setembro, ás 12 horas, e poderá visitarse ata o 21 de setembro de 17 a 20.30 horas. Está destinada ao público en xeral e os obxectivos da mesma son rememorar épocas pasadas -reminiscencias-, facer unha comparativa temporal da sociedade e dotar de identidade socia ós maiores. Nas xornadas do 16 e 17 de setembro, de 18 a 19.30 horas, nas instalacións deportivas municipais desenvolveranse torneos de cachibol para persoas maiores e familia, co fin de promover a actividade física entre os nosos maiores, concienciar dos beneficios do deporte, mellorar a valoración persoal e autoestima.

O mércores 18 de setembro, de 11.30 a 13 horas, terá lugar un obradoiro de estimulación cognitiva-autoestima na Casa da Xuventude de Verín. O mesmo, que está destinado a coidadores formais e informais, busca estrear os coidadores no desenvolvemento de actividades cognitivas cos seus pacientes, traballar coa mente a través da motricidade-psicomotricidade, sensibilizar da importancia que ten o mundo emocional no coidado, resolver e previr esquecementos cotiáns a través dos exercicios propostos. Ao día seguinte 19 de setembro, o salón de actos da Casa da Cultura de Verín acollerá ás 19 horas o espazo interxeracional 'Contacontos', destinado aos/ás nenos/as e persoas maiores. O mesmo está enfocado a fomentar tarefas cognitivas de atención e concentración na lectura de contos populares, favorecer a participación noutras actividades da comunidade e sensibilizar aos/ás participantes na importancia do alzheimer.

Na xornada do 20 de setembro, na Casa da Xuventude de Verín, impartirase un obradoiro de arteterapia, de 18 a 19.30 horas. Neste caso está destinado a maiores e familia, e tamén a coidadores, co fin de fomentar a participación interpersoal entre avós/as e netos/as e participar de xeito activo na elaboración de produtos artesanais. E ao día seguinte, sábado 21, a Casa da Cultura será o escenario da mesa redonda "Peregrinar cara un reto social". Terá lugar de 11 a 14 horas para o público en xeral, co fin de informar sobre aspectos da enfermidade dende disintas ópticas profesionais e sensibilizar sobre as pautas de prevención e intervención actuais. Nesa mesma xornada, pero ás 16.30 horas, celebrarase a 'I Andaina polo Alzheimer' , con saída dende o Pavillón Municipal de Deportes de Verín. A mesma, que contará cun acto conmemorativo a súa finalización, tamén está destinada ao público en xeral e busca promover a actividade física, colaborar en xogos populares, rememorar tempos lúdicos pasados e xerar unha identidade propia.

O departamento de Servizos Socias do Concello de Verín realiza unha acción social globalizadora e polivalente para axudar ás persoas, grupos e colectividades a resolver os seus problemas, a superar as súas dificultades e a mellorar a súa calidade de vida. O noso municipio continúa en progresión ascendente de volume de poboación, producíndose o fenómeno dunha constante absorción, non só de mocidade senón tamén de xente maior proveniente doutros concellos limítrofes -ascendendo a poboación maior de 65 anos a un total de 3.404 habitantes, o que supón o 22,96% da poboación total-. Dende a implantación da Lei de Dependencia e Autonomía Persoal, a área de Persoas Maiores de Servizos Sociais do Concello de Verín tramitou arredor duns 800 expedientes, o que amosa a existencia dun amplo colectivo de persoas dependentes, con necesidade de asistencia ou apoio para a realización das actividades básicas da vida diaria, sen escapar da realidade do alzheimer posiblemente como consecuencia do envellecemento da poboación e o aumento da esperanza de vida.