Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións para o programa de promoción de emprego autónomo
Subvencións para o programa de promoción de emprego autónomo PDF Imprimir Correo-e
Luns, 23 Xaneiro 2012 13:30

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

Esta orde ten como obxecto promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadores ou traballadoras autónomos/as ou por conta propia, así como apoiar a consolidación dos seus proxectos empresariais fomentando a creación de emprego mediante a contratación indefinida da súa primeira persoa traballadora desempregada (ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012, ambos inclusive).

Poderán ser beneficiarios/as das axudas deste programa as persoas físicas que, cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
a) Persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos/as ou por conta propia, e que desenvolvan a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, sempre que:
- Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
- Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
- Non percibisen subvencións ao abeiro do Programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
- Non desenvolvesen como traballadores ou traballadoras autónomos/as a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como traballadores ou traballadoras autónomos/as en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
b) Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias da subvención pola primeira contratación indefinida os traballadores ou traballadoras autónomos/as ou profesionais xa constituídos, que realicen esta contratación durante o seu primeiro ano de actividade e para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén poderán ser beneficiarios/as, os traballadores e traballadoras autónomos/as ou por conta propia poderán ser beneficiarios/as das axudas deste programa, agás a subvención pola primeira contratación indefinida, cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal.

Os tipos de axuda que se conceden son:
- Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia.
- Subvención financeira.
- Subvención para asistencia técnica.
- Subvención para formación.
- Axuda excepcional.
- Subvención pola primeira contratación indefinida.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, no respectivo ámbito provincial onde a persoa solicitante desenvolva a súa actividade empresarial ou profesional, segundo consta na alta do imposto de actividades económicas ou alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda. Cando a actividade se desenvolva en máis dunha provincia desta comunidade autónoma, será competencia da persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia en que a persoa solicitante se dea de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 30 de setembro de 2011, aínda que non transcorresen os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda. Con todo, as actuacións subvencionables ao abeiro do Programa para a promoción do emprego autónomo regulado nesta orde, realizadas entre o 1 de outubro do ano 2011 e a data da súa publicación, poderán acollerse ás axudas desta, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a solicitude de alta na Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional; pero o prazo para a presentación destas solicitudes remata o 30 de marzo de 2012.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>