Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove
Axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 01 Marzo 2012 12:35

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación das bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos dirixidos á mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2012, e en que os/as mozos e mozas participan activamente en actividades deseñadas por eles/elas mesmos/as, e convocar as ditas axudas.
Para os efectos desta orde considéranse áreas de atención prioritarias para desenvolver mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:
a) Proxectos de ocio e lecer educativo.
b) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.
c) Proxectos de fomento de actitudes creativas, emprendedoras, innovadoras e participativas da mocidade na súa comunidade e contorno, así como de fomento de accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de tempo de lecer.

Os/As beneficiarios/as destas axudas son:
a) Os grupos informais de mozos/as que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.
b) As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á mocidade que carezan de interese de lucro e as súas respectivas federacións sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presentan non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.

Os proxectos para os cales se solicite axuda deberán responder aos seguintes criterios:
1. Os proxectos de iniciativas xuvenís deberán estar enmarcados preferentemente dentro das áreas prioritarias que se recollen no artigo 1 desta orde, subvencionándose actividades realizadas desde o 1 de xaneiro de 2012 ata o 30 de setembro de 2012.
2. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 4.000 euros.
3. Quedan excluídos, para os efectos de axuda, os proxectos docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo, adquisición de equipamento e material inventariable así como os gastos ordinarios de funcionamento que non estean asociados co proxecto subvencionado e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo III. En todo caso, este tipo de gastos ordinarios de funcionamento non poderán superar nunca o 5 por cento do orzamento total do proxecto.
4. No caso daqueles proxectos que para o seu desenvolvemento indiquen que precisan formación, o importe desta non poderá exceder o 10 por cento do importe total do proxecto. Ademais, nestes casos acreditarase suficientemente que as persoas docentes son competentes para impartir a dita formación, especificando os contidos e aclarando se as persoas beneficiarias están suxeitas ao pagamento de cotas para recibir esa formación, ou ben esta é de carácter gratuíto.
5. Non poderán ser subvencionados os gastos correspondentes ás retribucións do persoal que teña unha relación laboral dependente das persoas ou entidades beneficiarias, nin honorarios profesionais ou remuneracións de calquera clase das persoas ou entidades impulsoras do proxecto.
6. A idade das persoas ás cales vai dirixido o proxecto deberá estar comprendida entre os 12 e os 35 anos.
7. O/a beneficiario/a deberá realizar por si mesmo/a a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do seu regulamento. Neste sentido, e sempre respectando o establecido nas ditas disposicións, poderase subcontratar a execución da actividade ata unha porcentaxe que non exceda o 50 por cento do proxecto subvencionado.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de abril de 2012. Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>