Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas á apicultura
Axudas á apicultura PDF Imprimir Correo-e
Venres, 20 Abril 2012 10:36

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2012.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases dun réxime de axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, e proceder á súa convocatoria para o ano 2012. Poderán ser obxecto das axudas, de acordo coa normativa comunitaria, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no programa nacional, e encamiñadas a acadar os obxectivos das seguintes liñas de actuación:
a) Prestar información e asistencia técnica: asesoramento e formación de apicultores en ámbitos distintos da sanidade apícola, formación de persoal de centros de envasamento e de laboratorios de organizacións apícolas, técnicas apícolas, divulgación. Para esta liña a subvención será de ata o 50% dos gastos.
b) Loita contra a varroase, actividades inescusablemente ligadas a un programa sanitario supervisado por un veterinario responsable da súa correcta aplicación e funcionamento: asociacións de defensa sanitaria, custos de tratamentos químicos autorizados que non sexan subvencionados doutro xeito, métodos de loita biolóxica, mellora das condicións de tratamento das colmeas. Para esta liña a subvención será de ata o 50% dos gastos en produtos, outros materiais e asistencia técnica relacionada coa sanidade apícola, e de ata o 30% do custo da contratación dun veterinario, ou de ata o 80% no suposto de que a contratación sexa en exclusividade, cunha limitación de 25.000 euros para subvención deste contrato.
c) Racionalizar a transhumancia: identificación das colmeas e dos marcos, investimentos en equipamentos de uso exclusivo para manipulación de colmeas transhumantes, divulgación de boas prácticas de transhumancia, acondicionamento de espazos para facilitar a transhumancia. Con cargo a esta liña, aboarase a subvención do seguro de responsabilidade civil, tanto para as colmeas estantes como para as transhumantes. Para esta liña a subvención será de ata o 50% dos gastos, agás a identificación das colmeas, en que a subvención será de ata o 70%.


Poderán optar ás axudas:
a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención das axudas estar inscrito no rexistro oficial apícola da comunidade autónoma polo menos con anterioridade ao primeiro de xaneiro do ano 2011. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas polo seu titular. Un mesmo apicultor só poderá ser beneficiario de axuda por unha mesma actuación de forma única para cada unha das súas explotacións, ben sexa a título individual ou ben como integrante dunha cooperativa ou organización representativa.

Para poderen acollerse ás ditas medidas da axuda os apicultores deberán:
a) Realizar ao menos un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e se regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas.
b) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil.
c) Ser titulares dunha explotación con mais de 75 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.

As solicitudes presentaranse, antes do 20 de maio, preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia – Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en Santiago de Compostela, así como nos demais lugares e formas previstas no artigo38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, e tamén poderán ser presentadas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no seguinte enderezo: https://sede.xunta.es.

Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>