Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección e mellora ambiental
Financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección e mellora ambiental PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 02 Maio 2012 12:42

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da convocatoria das bases reguladoras para a concesión de axudas ás pemes para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para o ano 2012.

O obxectivo é regular a concesión, polo procedemento de concorrencia competitiva, e facer publica para o ano 2012 a convocatoria de subvencións para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental.

Con carácter xeral, poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan na presente orde as pequenas e medianas empresas (pemes) que, cumprindo o establecido neste artigo, teñan o seu domicilio social ou algún dos seus centros no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e sexa neste mesmo ámbito territorial no que desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención. En particular, para a realización de estudios de análise de riscos ambientais consideraranse beneficiarios unicamente as pemes que, ademais de cumprir o establecido no punto anterior, desenvolvan algunha das actividades enumeradas no anexo III da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental.

Considerarase pequena e mediana empresa (peme) a que se axuste á definición que desta ofrece o Regulamento (CE) n.º 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214/3, do 9 de agosto), no seu anexo I, e que entende por tal aquela entidade que, independentemente da súa forma xurídica e sempre que estea validamente constituída no momento da presentación da solicitude, exerza unha actividade económica, salvo as que teñan a consideración de entidades sen ánimo de lucro que quedan excluídas desta convocatoria. Dentro deste concepto de empresa, as pequenas e medianas empresas defínense e subdivídense, a súa vez, segundo se indica a continuación:
– Mediana empresa, a que empregue a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocio anual non exceda     de 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda de 43 millóns de euros.
– Pequena empresa, a que empregue a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance     xeral anual non exceda de 10 millóns de euros.
– Microempresa, aquela que conte con menos de 10 empregados, cuxo volume de negocio anual ou     balance xeral anual non exceda de 2 millóns de euros.
- Será necesario que a empresa solicitante reúna ambos requisitos (número de persoas empregadas e volume de negocios ou balance xeral anuais) para que poida considerarse peme.

As actuacións serán as seguintes:
a) Investimentos das empresas solicitantes co fin de acadar unha redución das emisións á atmosfera ou unha mellora da calidade física e química do aire:
a.1. Investimentos que produzan unha redución efectiva de emisións de gases efecto invernadoiro (GEI) considerados polo Protocolo de Kyoto (CO2, CH4, N2O, HFC, PFC, SF6).Con carácter xeral, teñen cabida neste punto, entre outros: os investimentos tecnolóxicos que supoñan unha redución de emisións a atmosfera de GEI, os investimentos para a mellora da eficiencia enerxética en calquera ámbito da actividade da entidade así como os investimentos para a substitución do tipo de combustible empregado pola entidade que implique modificacións de equipos e/ou instalacións sempre e cando supoñan unha redución de GEI.
De xeito máis específico, son actuacións subvencionables as seguintes:
1. A elaboración de plans de cambio climático que propoñan unha estratexia de redución e/ou compensación de emisións baseados no cálculo das emisións de GEI ou (pegada de carbono) da organización ou dalgún dos seus produtos.
2. Investimentos en substitución de equipos e instalacións consumidoras de enerxía por equipos e instalacións que utilicen tecnoloxías de alta eficiencia, a mellor tecnoloxía dispoñible ou que supoñan un aproveitamento de enerxías renovables (solar, térmica, fotovoltaica, emprego de biomasa como combustible, …), co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2.
3. Mellora do illamento térmico dos edificios existentes que implique unha redución da demanda enerxética de calefacción e refrixeración do edificio, mediante actuacións sobre a súa envolvente térmica.
4. Mellora das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria nos edificios existentes.
5. Mellora da eficacia enerxética das instalacións de iluminación interior e exterior dos edificios existentes que se renoven, tales como:
– Luminarias, lámpadas e equipo: substitución do conxunto por outro con luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables e que permitan reducir a potencia instalada en iluminación.
– Sistemas de control de acendido e regulación do nivel de iluminación: incluirán aqueles sistemas de control por presenza e regulación do nivel de iluminación segundo o aporte de luz natural que supoñan un aforro eléctrico.
– Cambio de sistema de iluminación: relocalización dos puntos de luz con utilización das tecnoloxías anteriores, de forma que se reduza o consumo eléctrico anual respecto ao sistema actual de iluminación.
6. Medidas destinadas a favorecer a determinación do potencial e emprego da coxeneración (tales como estudos de viabilidade dirixidos a promover novas plantas de coxeneración, auditorías enerxéticas das coxeneracións xa existentes ou pequenas plantas de coxeneración de pequena potencia).
7. Investimentos para a substitución ou adaptación do vehículo para o transporte de mercadorías (sempre e cando, tratándose de transporte de mercadorías por estrada, este se realice por conta propia) ou pasaxeiros que supoñan unha redución de emisións polo emprego de enerxías alternativas (tales como gas natural, propano, electricidade).
8. Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.
a.2. Investimentos que supoñan unha mellora da calidade do aire e/ou unha redución ou mellora na medición das emisións distintas dos GEI.
Aos efectos da presente orde entenderase por:
• “Aire”: o aire ambiente segundo a definición que del ofrece o Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire, é dicir, o aire exterior da baixa troposfera, excluídos os lugares de traballo.
• “Emisións distintas dos GEI”: as emisións doutros contaminantes atmosféricos distintos do GEI segundo o establecido no Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire así como na Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera.
En particular, serán actuacións subvencionables:
– Os investimentos tecnolóxicos que supoñan unha redución de emisións a atmosfera distinta dos GEI.
– Os investimentos para a mellora da seguridade das plataformas de medicións en focos e mellora e adquisición de equipos de medición en continua, SAM.
– Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.
a.3. Investimentos dirixidos á redución do ruído. Poderán acollerse ás axudas, os investimentos que impliquen unha minimización da contaminación acústica co fin de acadar os obxectivos de calidade acústica da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, tales como: a restauración ou substitución de carpinterías, a instalación de dobres carpinterías en fachadas e dobres portas ou a mellora da envolvente de illamento acústico.

b) Investimentos das empresas solicitantes destinados a mellorar o seu comportamento ambiental en materia de xestión e uso sustentable dos recursos e os residuos. Recóllense neste punto os investimentos que dean lugar a:
b.1. Unha reutilización de produtos ou materiais empregados.
b.2. Unha redución da cantidade de residuos industriais ou comerciais xerada.
b.3. Unha axeitada separación en orixe dos residuos xerados.
b.4. A reciclaxe ou calquera outra forma de aproveitamento posterior dos residuos xerados pola entidade.
b.5. A introdución de mellores tecnoloxías aplicadas á xestión e uso sustentable dos recursos e dos residuos.
b.6. Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.

c) Estudos de análise e avaliación de riscos ambientais en instalacións industriais. Recóllense aquí aquelas actuacións relacionadas coa realización de estudos de análise de riscos ambientais en instalacións industriais, de conformidade co disposto polo Real decreto 2090/2008, do 22 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento parcial da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental.

d) A implantación e mantemento no Sistema Comunitario de Xestión e Auditoría Ambiental (EMAS) segundo o recollido no Regulamento (CE) n.º 1221/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á participación voluntaria de organizacións nun sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS), e polo que se derogan o Regulamento (CE) n.º 761/2001 e as decisións 2001/681/CE e 2006/193/CE da Comisión. Serán actuacións subvencionables ao abeiro deste punto:
d.1. Os traballos de consultoría, verificación e validación realizados para a implantación do sistema de xestión ambiental EMAS e rexistro da entidade solicitante.
d.2. Os traballos de verificación e validación que sexa necesario realizar para a renovación no rexistro cada tres anos, a través da validación da declaración ambiental actualizada.
Cómpre sinalar que, en relación con esta letra d), non se considerarán actuacións subvencionables as medicións, análises e estudos.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 02 de xuño de 2012. Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>