Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia
Subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 30 Maio 2012 11:20

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

O obxecto é regular a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a promoción e comercialización do destino Galicia a través do deseño de paquetes turísticos especializados que creen novos produtos e/ou innoven a oferta turística existente en Galicia.  As axudas reguladas nesta resolución establécense ao abeiro do Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 210, do 31 de xullo) para o período 2007-2013 de acordo co establecido na Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e Fondo de Cohesión.

Consideraranse proxectos subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2012 e que se encadren nas seguintes liñas:
Liña A) Deseño de paquetes turísticos de nova configuración: están comprendidos nesta liña aqueles proxectos que configuren un paquete turístico, entendendo por este a oferta de servizos básicos como transporte, aloxamento e manutención. É obxectivo desta liña a potenciación e a diversificación da múltiple e nova oferta turística de Galicia co deseño de paquetes turísticos novos. Valoraranse especialmente aqueles paquetes turísticos que se configuren sobre os seguintes produtos cabeceira de marca: Camiño de Santiago, Bosques de Galicia (Natureza), Mananciais de Galicia (Termalismo), Paseando entre viñedos (Enogastronomía), Turismo mariñeiro e Ruta das camelias (Xardíns de Galicia), Faros e praias salvaxes, Patrimonio oculto e Santuarios máxicos. Tamén serán especialmente valorados os paquetes turísticos orientados ao turismo de caza e pesca, turismo de golf e turismo náutico-fluvial.  Considéranse accións subvencionables: gastos de creación do produto (gastos asociados ao deseño da idea), gastos de deseño, maquetación e impresión de folletos, catálogos, orixinais de publicidade ou calquera outro material promocional relacionado coa creación dese novo produto; ou aplicacións web para a promoción e comercialización dos produtos en sitios web propios ou de terceiros (webs, redes sociais ou blogs), específicos dos produtos desenvolvidos, e as insercións publicitarias en medios de comunicación ou calquera outro soporte.
Liña B) Produtos existentes renovados. As accións subvencionables dentro desta liña serán as seguintes: deseño e impulso á innovación e renovación en produtos tradicionais ou envellecidos, deseño e desenvolvemento transversal de produtos de natureza, culturais e enogastronómicos (así como dobres produtos, integrando termalismo, golf e outras actividades complementarias), ferramentas ou aplicacións web para a promoción e comercialización dos produtos en sitios web propios ou de terceiros (webs, redes sociais ou blogs), específicos dos produtos desenvolvidos. Ademais, de adecuación dos soportes de promoción aos parámetros de accesibilidade para persoas discapacitadas ou con dificultades de acceso á información, sempre que os produtos ofertados recollan estas discapacidades; tradución e maquetación dos soportes de promoción existentes a outros idiomas, ou insercións publicitarias en medios de comunicación ou calquera outro soporte. A valoración máxima das insercións en medios será a da tarifa oficial do medio.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros nos supostos de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o solicitante deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Os/As beneficiarios/as son titulares de axencias de viaxe que conten con clasificación turística expedida pola Comunidade Autónoma galega e que estean comprendidos na definición de pequena ou mediana empresa (peme). En todo caso a casa central debe estar radicada en Galicia.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo de internet https//sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 30 de xuño de 2012. Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>