Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica
Liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 31 Maio 2012 11:38

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación das bases reguladoras dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás empresas galegas o acceso a financiamento destinado ao inicio ou incremento da súa actividade exportadora, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras (Programa Re-Export 2012).

As presentes bases regulan o obxecto, requisitos e procedemento para acceder a unha liña de avais do Igape para facilitar o acceso a financiamento operativo destinado ás actividades de exportación, someténdose ás directrices horizontais e sectoriais ditadas pola Comisión Europea. En particular, as garantías individuais que concedan o Igape ao abeiro destas bases deberán cumprir os requisitos establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais en forma de garantía, para descartar a presenza de axuda estatal.

Os requisitos dos/as beneficiarios/as son os seguintes: pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).  En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal en Galicia.

Non poderán ser beneficiarias das garantías previstas nas presentes bases as empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición recollida no artigo 1.7 do Regulamento CE 800/2008, as que teñan un risco vivo co Igape como consecuencia dun aval concedido previamente nin as empresas cuxo único obxecto social sexa a compravenda de bens inmobiliarios ou activos financeiros.

O Igape só poderá garantir operacións de financiamento novas, non permitíndose a substitución de créditos bancarios preexistentes. Entenderase que a liña de financiamento avalada polo Igape substitúe outras liñas preexistentes cando:
- Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos á data de entrada en vigor da convocatoria coas entidades financeiras, para a mesma finalidade, fosen cancelados antes do seu vencemento, sen consentimento expreso do Igape.
- Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos á data da solicitude coa entidade financeira, para a mesma finalidade, non sexan renovados durante a vixencia da operación avalada, sen consentimento expreso do Igape.
As modalidades de operacións financeiras son: liñas de crédito, liñas de desconto ou anticipo de efectos comercias ou facturas ou liñas xenéricas de riscos mercantís. As operación avaladas deberán destinarse ás seguintes finalidades:
- Créditos de prefinanciamento: créditos destinados ao financiamento do aprovisionamento de materias primas, fabricación dos produtos para exportar, así como os gastos derivados do proceso de envase, embalaxe e preparación para o envío ao exterior. A necesidade do prefinanciamento deberá ser xustificada pola empresa baseándose na previsión de exportacións durante o prazo de vixencia da operación e na previsión de aplicación de fondos.
- Créditos de posfinanciamento: créditos destinados a anticipar os dereitos de cobramento das operacións de exportación materializados en diferentes documentos tales coma facturas, obrigas de pagamento, letras de cambio, etc.
- Avais ou fianzas: emisión de avais e fianzas prestadas pola entidade financeira en garantía de terceiros, vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos.

O Igape responderá de ata o 50% dos importes debidos á entidade financeira como consecuencia dos descubertos que se produzan, unha vez cumpridos os requisitos de execución sinalados no artigo 6.3, e xerarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,50% do importe do aval formalizado.A suma das operacións avaladas polo Igape para cada beneficiaria será como mínimo de 80.000,00 € e máximo de 250.000 €.

O prazo máximo de vixencia das operacións avaladas será dun ano e a vixencia dos avais de dous anos, mentres que o prazo de presentación de solicitudes finaliza o 14 de setembro de 2012. Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>