Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas a pemes en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia
Axudas a pemes en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 31 Maio 2012 11:45

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a pemes en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2012.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas dirixidas ao fomento da implantación de plans de igualdade, para a eliminación da infrarrepresentación feminina e para a garantía e mellora do dereito á conciliación da vida familiar e laboral en pequenas e medianas empresas (pemes).

Para os efectos desta orde, considérase peme a empresa que empregue menos de 250 traballadores e traballadoras e que non supere os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou cuxo balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.
As actuacións subvencionables desagréganse nas seguintes liñas de actuación:
Liña I: Axudas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Por tanto, non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade, segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.
Liña II: Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.
Liña III: Axudas para os investimentos realizados polas empresas co fin de habilitar servizos de comedor, gardaría, lugares axeitados para o repouso das traballadoras embarazadas, salas de lactación e instalacións análogas para garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

Serán beneficiarios/as das axudas desta orde as pequenas e medianas empresas que teñan domicilio social en Galicia. Así mesmo, poderán ser beneficiarios/as as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que, pola súa vez, teñan contratado un mínimo dun 10% do seu persoal en Galicia e, cando menos, dez persoas.

A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás aplicacións que deseguido se relacionan:
Liña I, aplicación 12.03.324A.474.1 código de proxecto 2012/00587 da Dirección Xeral de Relacións Laborais, polo importe total de cento oitenta e seis mil corenta e oito euros con setenta céntimos de euro (186.048,70 €).
Estas axudas, relativas á liña I, están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola decisión da Comisión Europea do 18 de setembro de 2007, no eixo 2 e tema prioritario 65; este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión
Liña II, aplicación 12.03.324A.771.0, código de proxecto 2012/00600 da Dirección Xeral de Relacións Laborais, polo importe total de setenta e cinco mil setecentos sesenta euros (75.760 €).
Liña III, aplicación 12.03.324A.771.1, código de proxecto 2012/00607 da Dirección Xeral de Relacións Laborais, polo importe total de sesenta e cinco mil cincocentos sesenta e dous euros (65.562 €).

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 30 de xuño de 2012. Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>