Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións destinadas a incentivar o turismo activo
Subvencións destinadas a incentivar o turismo activo PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 06 Xuño 2012 11:51

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a incentivar o turismo activo, actividades de lecer e tempo libre, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.


O obxecto é financiar os investimentos necesarios que permitan incentivar a implantación da oferta complementaria de turismo activo, actividades de lecer e tempo libre.

Consideraranse proxectos subvencionables as seguintes liñas de actuación:
Liña A) Investimentos para a mellora das infraestruturas para o desenvolvemento de actividades hípicas, náuticas, golf e oferta turística complementaria.
Liña B) Investimentos para a adquisición e/ou renovación de material para a práctica das actividades obxecto da convocatoria (bicicletas, piraguas, embarcacións, material golf, sendeirismo, material para centros BTT -son instalacións de apoio á práctica do ciclismo de montaña nas cales os usuarios poderán atopar todo tipo de servizos e rutas para a práctica desta actividade deportiva en Galicia, é dicir, un produto turístico destinado a promover a bicicleta de montaña-).
Liña C) Creación de novas ofertas. Gastos de promoción e difusión, así como ferramentas ou aplicacións web para a promoción e comercialización dos produtos en sitios web propios ou de terceiros (webs, redes sociais ou blogs), específicos dos produtos desenvoltos.
Respecto das ferramentas ou aplicacións web terase en conta neste punto:
- Que non se considerará subvencionable a plataforma base que soporte a aplicación desenvolvida. É dicir, non terán carácter subvencionable os gastos relativos a adquisición ou mantemento de equipos informáticos, sistemas operativos, bases de datos, equipos de comunicación, hosting web, e calquera outro que dea soporte á dita aplicación.
- Presentaranse exemplos do que se pretende construír con base na comparativa con aplicacións xa presentes no mercado, referenciando, se é posible, os enderezos web onde se atopen os ditos exemplos.
- O proxecto presentarase segundo o modelo que se acompaña no anexo VII.
- Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se emprendan para a reforma ou mellora dos establecementos ou infraestruturas obxecto desta resolución como, se é o caso, a adecuación do contorno e os honorarios técnicos.
- Están comprendidos nos proxectos de obras e son, por tanto, subvencionables, todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra. Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpre as devanditas condicións.
- Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta resolución a adquisición de terreos.
- En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
- Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica o solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
- Unicamente poderán recibir subvención aqueles proxectos que se inicien e executen unha vez confirmada pola Secretaría Xeral para o Turismo a súa elixibilidade. Os solicitantes recibirán comunicación escrita en que conste que o proxecto cumpre inicialmente as condicións de subvencionabilidade suxeita ao resultado final da súa verificación detallada, sempre que a solicitude se presente conforme o establecido nesta resolución. Os proxectos que non cumpran estes requisitos non serán obxecto de axuda xa que as actuacións subvencionables teñen que ser realizadas e pagadas no período comprendido desde esta notificación ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

Poderán ser beneficiarias das subvencións as empresas (pemes) autónomas ou as constituídas baixo calquera tipo de sociedade mercantil, civil ou comunidade de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares dos establecementos nos cales se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención,

As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo de internet https//sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 06 de xullo de 2012. Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>