Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións a empresas do sector téxtil-moda-confección
Subvencións a empresas do sector téxtil-moda-confección PDF Imprimir Correo-e
Luns, 11 Xuño 2012 12:41

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas galegas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan Estratéxico do Téxtil. Visión 2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (código de procedemento IN515B).

O obxecto das mesmas é incentivar o desenvolvemento de actuacións e estratexias de difusión, promoción e acceso a mercados, xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas do sector téxtil-moda-confección nos mercados externos a Galicia, tanto estatais coma internacionais.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2012 ata o 31 de outubro do 2012, coa excepción dos gastos efectuados no ano 2011 exixidos en concepto de anticipo para a participación en eventos expositivos realizados en 2012:

1. Actuacións de difusión
Subtipo a.1. Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizados a través de campañas ou insercións en prensa, revistas, internet e valos publicitarios sempre que a súa difusión se realice fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Subtipo a.2. Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizadas a través da elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, que conteñan información da empresa beneficiaria e que contribúan á divulgación e coñecemento dos seus produtos fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Terán a consideración de gastos subvencionables todos os relativos ao deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución, impresión e, se é o caso, a inserción.

2. Actuacións de promoción
Subtipo b.1. Participación en feiras, desfiles, certames e outros eventos expositivos sectoriais de carácter profesional que teñan lugar fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
Neste caso, terán a consideración de gastos subvencionables o aluguer de espazos e servizos; a construción, montaxe e decoración de postos; o transporte do material de exposición; inscrición e seguro obrigatorio; inserción no catálogo da feira; estilismo; fotografía; modelos; os traballos de gabinetes de comunicación específicos para o evento e, cando se trate de asistencia a feiras e eventos no estranxeiro, a contratación de intérpretes.

Subtipo b.2. Córners situados tanto no mercado nacional como internacional para favorecer a promoción a través de exposicións permanentes así como mellorar a presenza da marca nos puntos de venda e show-rooms sempre que estean no estranxeiro.
Terán a consideración de gastos subvencionables a construción, amoblamento, decoración e deseño do espazo, así como os traballos de gabinetes de comunicación específicos para estas actuacións.

3. Actuacións de acceso a mercados
Subtipo c.1. Estratexia de penetración nos mercados externos a Galicia a través da expansión da marca.
Gastos subvencionables: gastos de consultoría externa e asistencia técnica que engloben o desenvolvemento dos traballos necesarios para a elaboración do proxecto, gastos de asesoramento económico, xurídico e legal que deriven da elaboración do proxecto; gastos incorridos en viaxes de prospección. Han de estar realizados por persoal da empresa e referidos unicamente a calquera tipo de transporte público ou establecementos hoteleiros, cun máximo de dúas persoas.

Subtipo c.2. Estratexia de penetración nos mercados internacionais a través de licenzas de marca: elaboración dun proxecto que englobe o estudo de novas liñas de negocio amparadas en licenzas de marca orientadas ao acceso aos mercados internacionais así como a materialización dos acordos con terceiros. Os solicitantes terán que ser os titulares ou licenciatarios das marcas que cumpran cos requisitos establecidos no artigo 4 das bases reguladoras.
Os gastos de consultoría externa e asistencia técnica que engloben o desenvolvemento dos traballos necesarios para a elaboración do proxecto, viabilidade técnica, comercial e económico-financeira do proxecto, requirimentos técnicos, comerciais ou loxísticos, busca e localización de aliados estratéxicos, e gastos de asesoramento económico, xurídico e legal que deriven da elaboración do proxecto.

Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación destas bases as actuacións seguintes:
• Os gastos do persoal habitual contratado pola empresa e calquera outro derivado da actividade habitual e corrente da empresa solicitante.
• Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.
• Deseño e creación de páxinas web.
• O imposto sobre o valor engadido (IVE).
• Gastos de actuacións realizadas ou dirixidas ao ámbito da Comunidade Autónoma Galega.
• Aqueles gastos que resulten de carácter xeralista ou non estean expresamente referidos á actuación concreta que se propón para a subvención.
• Folletos e outro material que non estean dirixidos estritamente a fins promocionais.
• No que se refire á participación en feiras internacionais, non se apoiarán aquelas actuacións que coincidan coas actuacións proxectadas no marco do plan de fomento das exportacións galegas (FOEXGA) que desenvolve conxuntamente a Consellería de Economía e Industria e as cámaras de comercio, industria e navegación galegas.
• Aqueloutros que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable.

As solicitudes presentaranse antes do 11 de xullo de 2012, no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992). Ademais, tamén poderán presentarse por vía electrónica. O formulario normalizado de solicitude composto polos anexos II e III que figuran como anexos desta orde estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>