Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas á conciliación da vida familiar e laboral
Axudas á conciliación da vida familiar e laboral PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 13 Xuño 2012 11:50

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación das bases para a concesión das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para homes e familias monoparentais que se acollan á redución da súa xornada de traballo e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

O obxecto da presente resolución é a convocatoria e regulación do réxime de concesión de axudas económicas a homes e familias monoparentais que entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2011 se acolleran a unha redución da súa xornada de traballo para o coidado do seu fillo/a e de acordo co establecido no artigo 5 da presente resolución. O outorgamento das axudas ás que se refire esta convocatoria realizarase a través da modalidade de pagamento único e de forma continuada ata esgotar o crédito orzamentario consignado para estes efectos, segundo a orde de recepción de solicitudes e baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación (as axudas por redución de xornada previstas na presente resolución serán compatibles con calquera outra que, co mesmo obxecto, teñan establecidas ou puideran establecer calquera das administracións públicas, dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades, así como por calquera entidade privada).

Poderán beneficiarse das axudas previstas nesta resolución:
- Homes que se acollan á redución de xornada á que se alude no artigo 5 da presente resolución e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario e os socios das sociedades cooperativas sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.
- Familias monoparentais nas que a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada á que se alude no artigo 5 da presente resolución. Por familia monoparental enténdese, segundo a definición que establece o artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, como o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.
As persoas solicitantes, para obter a condición de beneficiarias, deberán cumprir, ademais das exixencias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes requisitos:
- Estar inscritas no padrón de calquera municipio dos integrados no territorio da Comunidade Autónoma galega, polo menos cun ano de antelación á presentación da solicitude de subvención.
- Convivir co/a fillo/a durante o período subvencionado.
- No caso das familias non monoparentais, o outro membro da unidade familiar deberá ser traballador/a por conta allea ou ben autónomo/a e manter esa situación durante todo o período subvencionado. Entenderase cumprido este requisito cando, habendo períodos non traballados, a suma destes non supere o 5% do período subvencionado.
En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos/as, ou se a súa tutela ou garda fora asumida por unha institución pública.

Accións subvencionables:
- As axudas serán concedidas aos traballadores que, entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2011, se atopasen en situación de redución da xornada de traballo para o coidado dun/unha fillo/a menor de tres anos.
- Tamén poderán acollerse a esta axuda os traballadores que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten un/unha menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo.
- A idade do/a fillo/a poderase ampliar ata os 12 anos no suposto de que o/a menor padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%.
- Para ter dereito a axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos e comprendidos entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2011.
- No suposto de fillos/as adoptados/as ou menores en réxime de acollemento familiar, non se terá en conta a idade, pero para ter dereito a axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. En calquera caso o/a fillo/a polo/a que se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.
- En ningún caso o período para o que se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.
- Na concesión destas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

Contía das axudas:
-A contía desta axuda estará en función da porcentaxe de redución de xornada laboral que se solicite, da duración desta e do número de fillas/os a cargo da persoa solicitante, sendo considerados para o seu establecemento os seguintes tramos:
a) Cando a redución de xornada sexa de ata o 15% da xornada laboral e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):
i. Unha/un filla/o a cargo 1.600 euros.
ii. Dúas/dous fillas/os a cargo 1.900 euros.
iii. Tres ou mais fillas/os a cargo 2.200 euros.
b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 15% e ata o 33,33% da xornada laboral e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):
i. Unha/un filla/o a cargo 2.700 euros.
ii. Dúas/dous fillas/os a cargo 3.000 euros.
iii. Tres ou mais fillas/os a cargo 3.300 euros.
c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 33,33% da xornada laboral e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):
i. Unha/un filla/o a cargo 3.000 euros.
ii. Dúas/dous fillas/os a cargo 3.300 euros.
iii. Tres ou mais fillas/os a cargo 3.600 euros.

A solicitude e demais documentación presentarase obrigatoriamente nos modelos normalizados que se inclúen como anexos desta resolución. Os formularios da solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade http://www.mulleresengalicia.es. A presentación das solicitudes farase, antes do 12 de xullo de 2012, por calquera das seguintes vías:

a) Por vía escrita/en soporte papel nos lugares que se indican:
– No Rexistro da Secretaría Xeral da Igualdade (Edificio administrativo s/n, San lázaro, 15781 Santiago de Compostela).
– No Rexistro Único da Xunta de Galicia, ou ben en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
– Nas oficinas de Correos, en sobre aberto, para que sexa datada e selada na cabeceira da primeira folla polo/a empregado/a de Correos antes de que proceda á súa certificación postal.

b) Por vía electrónica. O acceso dos/as interesados/as ao rexistro electrónico da Xunta de Galicia estará dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>