Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións para o equipamento de locais de asociacións, fundacións e entidades culturais
Subvencións para o equipamento de locais de asociacións, fundacións e entidades culturais PDF Imprimir Correo-e
Venres, 22 Xuño 2012 13:16

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro para o equipamento e a mellora dos seus locais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á mellora dos locais das asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro para o ano 2012, no que atinxe ao equipamento e mellora dos seus locais, conforme o procedemento que a seguir se establece.
Inclúense nesta orde os investimentos feitos en melloras e equipamentos desde o 1 de xaneiro de 2012 ata a data límite de xustificación da orde.

Poderán ser obxecto de subvención as actuacións que se encadren nas seguintes modalidades:
a) Fundacións con local en propiedade: acondicionamento e mellora dos seus locais e investimentos en equipamento e mobiliario.
b) Asociacións con local en propiedade: acondicionamento e mellora dos seus locais e investimentos en equipamento e mobiliario.
c) Entidades culturais que non teñen local en propiedade pero que teñen unha cesión de uso por un prazo mínimo de 10 anos: poderán acollerse unicamente ás axudas de investimento en equipamento e mobiliario.
Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro aqueles das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan como sede destas entidades ao fomento da cultura en Galicia.

Os/As beneficiarios/as son asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro que radiquen ou teñan sede en Galicia, para o seu equipamento e mellora, sempre e cando realicen actividades culturais de promoción da cultura galega e desenvolvan as súas actividades habitualmente en Galicia (non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.20.432B.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2012, por un importe de 300.000 euros (trescentos mil euros), cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).  Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O importe de 300.000 euros distribuirase do seguinte xeito:
a) Fundacións con local en propiedade: 120.000 euros.
b) Asociacións con local en propiedade: 120.000 euros.
c) Entidades culturais que non teñen local en propiedade pero que teñen unha cesión de uso por un prazo mínimo de 10 anos: 60.000 euros.
Segundo o volume de solicitudes e en función das modalidades presentadas, o órgano instrutor poderá modificar a repartición das axudas establecidas neste punto.

A concesión das axudas queda sometida á condición de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

A dotación das axudas será:
– Mobiliario, equipamento e material inventariable: máximo por beneficiario 10.000 euros.
– Acondicionamento e mellora de locais: máximo por beneficiario 20.000 euros.
Unha mesma entidade poderá optar as dúas modalidades sempre que cumpra os requisitos necesarios e non exceda do máximo que se fixa na orde de convocatoria.

A axuda máxima será de 30.000 euros por beneficiario, que en ningún caso poderá exceder o 75% do orzamento total do proxecto subvencionable.

A solicitude presentarase antes do 22 de xullo de 2012, preferentemente, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/da representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e das entidades dela dependentes. Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es

Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>