Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Liñas de financiamento para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das PEMES
Liñas de financiamento para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das PEMES PDF Imprimir Correo-e
Luns, 25 Xuño 2012 13:26

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación das bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (programa Re-Imaxina), e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2012 en réxime de concorrencia non competitiva.

As presentes bases regulan o contido e procedemento de tramitación de tres liñas de financiamento subsidiado para facilitar o acceso ao financiamento nos investimentos das microempresas, dos emprendedores e das pemes que melloren a súa competitividade:
– Liña Microcréditos: créditos para financiar investimentos nas microempresas galegas.
– Liña Peme xove: créditos para financiar investimentos en proxectos emprendedores galegos.
– Liña Peme competitiva: créditos para financiar investimentos que permitan mellorar a competitividade das pemes galegas.
Non poderán concorrer no financiamento dun mesmo proxecto préstamos das distintas liñas de financiamento recollidas nestas bases.

Poderán acceder ás axudas previstas nestas bases aquelas pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOCE L/214, do 9 de agosto de 2008), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías). Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para cada liña de financiamento, establécense os seguintes requisitos adicionais:
a) Para a denominada Microcréditos, poderán ser beneficiarias aquelas empresas cun centro de traballo en Galicia, con menos de 10 traballadores e cunha cifra de negocios anual ou balance xeral anual que non supere os 2 millóns de euros.
b) Para a denominada Peme xove, poderán ser beneficiarias aquelas empresas que exerzan ou teñan intención de exercer a súa actividade económica en Galicia e que, ademais, non veñan desenvolvendo a mesma actividade para a que solicitan o financiamento nun prazo superior a dous anos contados desde a data de presentación no Igape, directamente ou mediante a súa participación no capital doutra sociedade que desenvolvese a mesma actividade.
c) Para a liña denominada Peme competitiva poderán ser beneficiarias aquelas empresas que veñan exercendo en Galicia por un período superior a dous anos algunha das actividades recollidas no anexo II destas bases.

Con carácter xeral, serán financiables os seguintes conceptos de gasto que se materialicen en:
a) Inmobilizado material de primeiro uso, agás a adquisición de terreos e edificacións:
– Reforma e axeitamento de locais.
– Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente.
– Elementos de transporte, exclusivamente vehículos industriais, agás vehículos de transporte de mercadorías por estrada por parte de empresas que realicen esta actividade por conta allea.
– Honorarios facultativos de proxecto e dirección de obra.
– Outros investimentos en activos fixos materiais.
b) Inmobilizado intanxible novo adquirido a terceiros: unicamente aplicacións informáticas, propiedade industrial, propiedade intelectual, canons de entrada de concesións administrativas ou de franquías, e investimentos de acondicionamento realizados nun local arrendado e que queden definitivamente incorporados a aquel.
* Non poderán financiarse os impostos indirectos recuperables que graven a adquisición nin as achegas a realizar ás sociedades de garantía recíproca.
* Nas operacións acollidas á liña Microcréditos serán financiables ademais bens usados.
* Nas operacións acollidas á liña Peme xove poderán financiarse tamén bens usados, e ademais:
- A adquisición de terreos e edificacións.
- Os aprovisionamentos e gastos necesarios para a posta en marcha do proxecto, incluíndo gastos de establecemento, cun máximo do 20% do importe financiable.
* Nas operacións acollidas á liña Peme competitiva poderán financiarse ademais os investimentos en investigación e desenvolvemento (persoal, materiais, colaboracións externas con institucións tecnolóxicas e outros centros, custos de materiais para probas e ensaios, e outros custos indirectos), cun máximo do 25% do importe financiable.
*A beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a axuda durante un período mínimo de cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, e dous anos para o resto de bens.

No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, e estes aspectos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de setembro de 2012 -tamén ata o esgotamento de crédito orzamentario-. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado, ou a entidade colaboradora no seu nome, deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo da empresa, do proxecto e da operación a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Unha vez cuberto o cuestionario, este pasará a disposición da entidade de crédito na extranet de entidades colaboradoras e xerará unha solicitude de tramitación do expediente en formato papel que se presentará na entidade de crédito, asinada polo solicitante (anexo I). Nesta solicitude, apodérase á entidade de crédito para que tramite, en nome do solicitante, o expediente de axuda ante o Igape, no caso de que este aprobe a operación financeira. Para estes efectos as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a extranet de entidades colaboradoras, de acordo co establecido no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG nº 241, do 17 de decembro). Co fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade, que serán obxecto de publicidade no citado enderezo da internet. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo a internet. Tamén se poderá recibir asistencia na propia entidade de crédito colaboradora.

Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>