Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego
Subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego PDF Imprimir Correo-e
Luns, 27 Agosto 2012 12:45

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación dos bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2012 das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, en desenvolvemento do Decreto 9/2000, do 12 de xaneiro, polo que se regulan as iniciativas de emprego e as súas clases, así como o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.  A finalidade deste réxime de axudas é fomentar e promover na Comunidade Autónoma de Galicia a creación de empresas innovadoras, económica e financeiramente viables, que xeren emprego estable no ámbito local e no medio rural, mediante o financiamento parcial dos custos necesarios para a posta en marcha daqueles proxectos empresariais previamente cualificados como iniciativas locais de emprego (ILE) e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego e nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas constituídas e que iniciasen a súa actividade, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos ou autónomas e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego, e non transcorrese máis dun ano desde a notificación da resolución de cualificación ou, de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda. No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación (entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil ou, de ser o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario ou empresaria individual ou comunidade de bens, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas).

Para os efectos desta orde entenderase por:
a) Persoas desempregadas: aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social. A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia.
Igualmente, a comprobación de carecer de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social, das persoas que se incorporan á empresa para ocuparen os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.
b) Persoas desempregadas de longa duración: aquelas que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estivesen sen traballo e teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregadas na oficina de emprego de 180 días se fosen menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade e de 360 días se fosen maiores de 25 e menores de 45.
c) Persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego: as que extinguisen por esgotamento a prestación por desemprego de nivel contributivo. No caso de que non tivesen dereito á percepción da prestación por desemprego de nivel contributivo, que esgotase o subsidio de desemprego e, en ambos os dous casos, non desempeñasen ningún traballo, nin por conta allea nin propia, desde a data do esgotamento.
d) Persoas emigrantes retornadas: aquelas que cumpran coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.
e) Persoas con discapacidade: aquelas que teñan recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Non obstante, de acordo co disposto no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, en todo caso, consideraranse afectadas por unha discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE nº 300, do 16 de decembro).

Para os efectos deste programa terán a consideración de colectivos en risco ou situación de exclusión social os seguintes:
a) Persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia ou aquelas que non poidan acceder a ela, ben por falta do período esixido de residencia ou empadroamento, ou ben por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.
b) Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.
c) Internos e internas de centros penitenciarios cuxa situación penitenciaria lles permita acceder a un emprego, así como liberados condicionais ou ex-reclusos que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.
d) Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral.
e) As persoas que teñan acreditada pola administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.
f) Mulleres que abandonasen o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral.
g) Persoas transexuais ou en procesos de reasignación sexual que se incorporen ao mercado laboral.
h) Menores internos incluídos/as no ámbito de aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, cuxa situación lles permita acceder a un emprego, así como os que estean en situación de liberdade vixiada e os ex-reclusos e ex-reclusas.
i) Mozos e mozas que estean ou estivesen ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.
j) Traballadores e traballadoras inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade cuxas características condicionen a súa integración social.
k) Persoas emigrantes retornadas con graves necesidades persoais ou familiares.
l) Persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.
Ao abeiro deste programa poderán solicitarse os seguintes tipos de axudas:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
c) Apoio á función xerencial.
d) Subvención financeira.
e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

As solicitudes de axudas dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde remata o 24 de setembro de 2012.

Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>