Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programas de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade
Programas de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 29 Agosto 2012 11:12

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación das bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

Coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade nas empresas ordinarias con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2012 das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través dos seguintes programas:
– Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (anexo A).
– Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (anexo B).

Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde as que se establecen para cada programa regulado nos seus anexos, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.

Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos puntos 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en virtude da cal se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.
Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido no artigo 46.2 do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

As persoas destinatarias finais dos programas regulados nesta orde serán as persoas con discapacidade desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas, así como os traballadores e as traballadoras con discapacidade, incluídos/as os/as procedentes de centros especiais de emprego. Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:
I. Persoas con discapacidade, aquelas que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.
II. Persoas desempregadas, aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
III. Persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral, aquelas que se atopen nalgún dos supostos que se describen a continuación:
a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es
Os prazos de presentación de solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no anexo A desta orde, serán os seguintes:
a) As solicitudes de axudas á contratación poderanse presentar ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2012.
b) As solicitudes de axuda para a adaptación de postos de traballo deberanse presentar antes do inicio desta adaptación, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2012.
c) As contratacións ou transformacións de contratos temporais en indefinidos e as adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 1 de outubro de 2011 e a data de publicación desta orde poderanse acoller ás súas axudas, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a contratación ou se tivese iniciado a execución do proxecto de investimento. O prazo para a presentación destas solicitudes finaliza o 27 de setembro de 2012.

O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no anexo B desta orde, tamén conclúe o 27 de setembro.

Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>