Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais do período 2007-2013
Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais do período 2007-2013 PDF Imprimir Correo-e
Martes, 19 Marzo 2013 12:50

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 27 de febreiro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais do período 2007-2013 e se convocan as cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para o exercicio orzamentario de 2013.


Esta orde ten por obxecto establecer as bases das axudas da Consellería do Medio Rural e do Mar para os investimentos en mellora das condicións de transformación e comercialización dos produtos agrarios e forestais para o período 2007-2013 e convocar as cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para o exercicio orzamentario de 2013.
Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas que teñan unha actividade económica, sexan titulares das instalacións obxecto de axuda, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables. As corporacións locais non poderán ser beneficiarias destas axudas.

Os/As beneficiarios/as das axudas clasificaranse segundo as seguintes categorías de empresas:
- Microempresa, pequena empresa ou mediana empresa (pemes), tal como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión (DO L 124 do 20/05/2003).
- Empresas intermedias, sendo estas as empresas non pemes que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.
- Grandes empresas, que son as empresas non pemes que superan o número de empregados e o volume de negocios exixido ás empresas intermedias.
As empresas beneficiarias deberán estar incluídas nalgún dos grupos sinalados a seguir, establecidos en función da actividade das empresas, da normativa comunitaria aplicable e do financiamento utilizado:
A. Empresas con investimentos en transformación e comercialización de produtos incluídos no anexo I do Tratado:
A.1) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas cales o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos estea incluído no anexo I do Tratado. Neste caso as axudas procederán de fondos incluídos no PDR de Galicia 2007-2013, cofinanciados polo Feader, e a normativa comunitaria de aplicación será exclusivamente a que regula o Feader.

A.2) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas cales o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado. Neste caso as axudas procederán de fondos incluídos no PDR de Galicia 2007-2013, cofinanciados polo Feader, e a normativa comunitaria de aplicación será a que regula o Feader e a establecida pola Unión Europea para as axudas de Estado.
A.3) Grandes empresas. Neste caso as axudas procederán de fondos propios da Consellería, e a normativa comunitaria de aplicación será a establecida pola Unión Europea para as axudas de Estado.
B. Empresas con investimentos relativos á serradura de madeira:
B.1) Microempresas: neste caso as axudas procederán de fondos incluídos no PDR de Galicia 2007-2013, cofinanciados polo Feader, e a normativa comunitaria de aplicación será exclusivamente a que regula o Feader e a establecida pola Unión Europea para as axudas de Estado.
B.2) Pequenas e medianas empresas: neste caso as axudas procederán de fondos propios da Consellería, e a normativa comunitaria de aplicación será a establecida pola Unión Europea para as axudas de Estado.
A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá facer convocatorias anuais de axudas independentes para cada un dos grupos de beneficiarios indicados neste punto.

Considéranse subvencionables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea excepto os produtos da pesca. Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do Tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do Tratado), e, conforme o sinalado no artigo 4 desta orde, a porcentaxe máxima de axuda que se poderá conceder variará en función desta característica.
Consideraranse tamén subvencionables os investimentos desenvolvidos en Galicia en activos fixos destinados á serradura de madeira. Serán subvencionables os seguintes tipos de gastos:
a) Construción, adquisición e mellora de bens inmobles, excepto a compra de terreos. A adquisición de terreos será tamén subvencionable no caso de pemes e empresas intermedias nas cales a axuda estea cofinanciada polo Feader, e terá o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables.
b) Compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.
c) Os gastos vinculados aos puntos anteriores en honorarios de proxecto e dirección de obra, estudos de viabilidade e adquisición de patentes e licenzas relacionadas co proceso produtivo.
Non serán, no entanto, obxecto de axuda os investimentos relativos aos conceptos e actividades sinalados no anexo I desta orde.
As axudas teñen a natureza de subvencións de capital e poderán acadar as porcentaxes máximas de axuda do investimento subvencionable indicadas no punto seguinte, establecidas segundo a tipoloxía da empresa solicitante e as características dos produtos finais dos procesos de transformación e/ou comercialización derivados dos investimentos (produtos incluídos no anexo I do Tratado ou non incluídos).
As porcentaxes máximas de axuda serán as seguintes:
A. Empresas con investimentos en transformación e comercialización de produtos incluídos no anexo I do Tratado:

Tipo de produto final

Tipo de empresa solicitante

Microempresas e pequenas empresas

Empresas medianas

Empresas intermedias

Grandes empresas

Incluído no anexo I

50 %

50 %

25 %

25 %

Non incluído no anexo I

50 %

40 %

25 %

25 %

B. Empresas con investimentos relativos á serradura de madeira.

Tipo de empresa solicitante

Microempresas e pequenas empresas

Empresas medianas

50 %

40 %

Para a concesión e/ou pagamento das axudas, os investimentos e solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:
1. Os investimentos deben mellorar o rendemento global da empresa solicitante. Para eses efectos, deben ter algún dos obxectivos seguintes:
- Aumentar a competitividade da empresa.
- Reducir os custos.
- Aumentar o valor engadido.
- Reducir o impacto ambiental.
- Mellorar a rastrexabilidade e seguranza das producións.
- Diversificar as producións e/ou os mercados.
- Mellorar a calidade das producións.
- Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.
- Mellorar a comercialización das producións.
Para acreditar isto, na memoria que acompañe a solicitude de axuda xustificarase expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos sinalados.

Os investimentos deben cumprir a normativa comunitaria aplicable en materia de ambiente e, de ser o caso, sanidade e benestar animal.
Conforme iso:
- Non se concederán axudas a solicitantes que presenten proxectos relativos a instalacións xa existentes que non acrediten dispoñer de licenza de actividade e rexistro sanitario ou que non cumpran, cando for o caso, a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.
- Non se pagarán axudas a beneficiarios que non acrediten, despois da execución dos investimentos, dispoñer de licenza de actividade e rexistro sanitario actualizados ou vixentes, así como, se for o caso, cumprir a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será exixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten a licenza ou rexistro sanitario vixente ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou á elaboración de produtos para alimentación animal.
- A resolución de concesión indicará, se for o caso, expresamente as acreditacións referidas que será necesario presentar para o pagamento da axuda.
Porén, no caso de microempresas, serán subvencionables os investimentos que se realicen para efectos do cumprimento de novas normativas comunitarias.
Cando o solicitante estea sometido á normativa de contratación pública conforme o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, deberá acreditar o seu cumprimento na execución dos investimentos subvencionados con anterioridade ao pagamento da axuda.
Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02). Conforme a iso, non se concederán en particular axudas a sociedades anónimas e limitadas que incorran en causa de disolución por teren un patrimonio contable inferior á metade do seu capital social, tal como establece a normativa que regula este tipo de sociedades. Tampouco se concederán axudas ás empresas sometidas a un procedemento de quebra, insolvencia ou concursal.
En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos tres últimos anos.
Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.
No caso de proxectos nos que os produtos finais dos procesos de transformación e/ou comercialización non estean incluídos no anexo I do Tratado, e de proxectos de grandes empresas, e de proxectos de serras de madeira, o beneficiario deberá achegar unha contribución financeira exenta de calquera apoio público de, como mínimo, un 25 % dos custos subvencionables, mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Con ese fin, na solicitude de axuda e na de pagamento o beneficiario deberá incluír unha declaración expresa sobre a orixe dos fondos utilizados para financiar os investimentos.
Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou o primeiro compromiso que obriga legalmente á realización dos investimentos.
Para a concesión das axudas teranse en conta as restricións de produción e as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restricións establecidas nelas.
Os investimentos obxecto da axuda deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade correspondente á convocatoria á que concorre a solicitude, e será establecida en cada convocatoria anual.
No caso de empresas intermedias nas cales o produto final non está incluído no anexo I do Tratado e grandes empresas, a axuda que se concederá deberá ter o efecto incentivador establecido no punto 3 do artigo 8 do Regulamento (CE) 800/2008. Para eses efectos, o solicitante da axuda deberá xustificar especificamente na súa solicitude que o proxecto non se poderá levar a cabo en Galicia sen a axuda pedida, ou ben que a axuda pedida permitirá acadar un o máis dos seguintes logros:
a) Un aumento substancial do tamaño do proxecto ou actividade.
b) Un aumento substancial do ámbito de aplicación do proxecto ou actividade.
c) Un aumento substancial do importe total investido polo beneficiario no proxecto ou actividade.
d) Un aumento substancial do ritmo de execución do proxecto ou actividade.
A actividade ou actividades obxecto de axuda, así como os conceptos subvencionados, deberanse manter durante un período non inferior a cinco anos contados a partir do momento en que os investimentos estean finalizados (executados e pagados na súa totalidade).
Non se concederán axudas a investimentos en construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, nin aos seus investimentos relacionados, se non se acredita coa solicitude e nos prazos establecidos a dispoñibilidade do terreo e da licenza de obras correspondente que lle permita iniciar as obras.
Non se concederán axudas a solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de beneficiario sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, en particular aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obteren subvencións públicas.
No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, deberán acreditar que dispoñen dos contratos escritos establecidos nos artigos 10, 11 e 12 do Real decreto 1363/2012, do 28 de setembro, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condiciones de contratación. Esta acreditación deberá facerse cando se tramite o pagamento final da axuda.
As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo A1, xunto coa documentación adicional que se sinala no número seguinte. O lugar de presentación será prioritariamente nos servizos provinciais de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Tamén poderán presentarse en sede electrónica conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
As solicitudes incluirán a seguinte documentación:
- Solicitude: anexo A1 debidamente cuberto.
- Memoria: anexo A2 debidamente cuberto.
- Estudo técnico: seguindo o modelo do anexo A3.
- Estudo económico: seguindo o modelo do anexo A4.
- Declaración referente ao cumprimento de requisitos, procedencia de materias primas, calendario de execución e axudas solicitadas conforme o modelo do anexo A5.
- Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo A6 debidamente cuberto.
- Documentación adicional:
a) Copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha sociedade.
b) Documentos acreditativos da personalidade ou entidade do solicitante (fotocopia do NIF no caso de persoa xurídica e fotocopia do DNI no caso de persoa física) e, se é o caso, da representación con que se actúa. No caso do DNI só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expresamente a autorización á Consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.
c) No caso de empresas xa existentes, balance e contas de resultados dos tres últimos ano se son sociedades e, no caso de persoas físicas, declaración da renda dos últimos tres anos. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.
d) No caso de investimentos que inclúan a construción de novas superficies cubertas: xustificación documental da dispoñibilidade do terreo e licenza de obras.
e) No caso de industrias xa existentes, rexistro sanitario e licenza de actividade do concello. No caso de matadoiros, mercados e outras actividades relacionadas co manexo de gando vivo, deberase acreditar que se cumpren as normas mínimas relativas ao benestar animal. No caso de industrias de alimentación animal, deberase acreditar que se cumpre a normativa específica sobre elaboración dese tipo de produtos.
f) No caso doutras subvencións concedidas para o mesmo proxecto, fotocopia da comunicación de concesión coas súas características.
g) No caso de empresas intermedias nas cales o produto final non está incluído no anexo I do Tratado e grandes empresas, xustificación relativa ao efecto incentivador da axuda conforme o indicado no número 9 do artigo 5.
Os modelos de anexos indicados no número anterior poden ser solicitados á consellería para o seu envío por correo electrónico á conta Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . A presentación destes anexos non cubertos na súa totalidade ou de forma incompleta considerarase como non presentación da documentación requirida, e deberá emendarse, conforme o disposto no número 5, coa presentación dun novo anexo cuberto axeitadamente.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Non se considerarán subvencionables os conceptos incluídos na solicitude de axuda dos cales non se acredite o cumprimento deste requisito.
A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.
Se o solicitante non presenta a documentación requirida no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Non obstante o disposto nos puntos anteriores deste artigo, dada a natureza deste procedemento como de concorrencia competitiva, non será susceptible de emenda a presentación fóra do prazo indicado na convocatoria da seguinte documentación, considerada, como mínimo, imprescindible para a tramitación da solicitude de axuda:
- Anexo A1, de solicitude da axuda.
- Anexo A2, de memoria, cuberto adecuadamente, e incluíndo, en particular a relación pormenorizada dos investimentos previstos co seu importe sinalados no seu número 12.
Non serán admitidas aquelas solicitudes nas cales se aprecie a ausencia desta información. Nestes casos emitirase resolución de inadmisión. Así mesmo, non se admitirá con posterioridade ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o aumento do seu importe ou a inclusión de novos conceptos.

O prazo de solicitude finaliza o 7 de abril de 2013. Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.


 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>