Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas do programa 'Iniciativa Xove'
Axudas do programa 'Iniciativa Xove' PDF Imprimir Correo-e
Martes, 23 Abril 2013 10:54

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria.

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2013, e nos que as persoas mozas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas, e convocar estas axudas.

Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritarias que se han desenvolver mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:
- Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade probar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
- Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de tempo de lecer.
- Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.
- Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.
- Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, xestión e execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Poderán solicitar a axuda:
- Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.
- As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo ca o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.

Para ser beneficiarias das axudas a que se refire esta orde, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
- As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, modificado polo Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro, o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).
- Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 10 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos no momento de presentar a solicitude, debidamente identificados/as, e unha destas persoas asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. Ademais, no caso de grupos informais, as persoas que os compoñan deberán de ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia ou, se residen no estranxeiro, ter a última veciñanza administrativa en Galicia.
- O incumprimento por parte de calquera dos membros do grupo do requisito da idade suporá a non admisión a trámite da solicitude.
- Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou que pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.
- En ambos os casos, é requisito para ser beneficiario/a destas axudas non estar incurso/a en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano. No caso dos grupos informais, non poderá obter subvención o proxecto presentado por un grupo do que formen parte mozas ou mozos que o ano anterior participasen nun proxecto subvencionado e non xustificado, aínda que o promotor deste fose un grupo distinto. De todos os xeitos, para a disolución dos grupos deberá terse en conta o disposto no artigo 17.k) desta orde en relación co artigo 8.3 da Lei 9/2007, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.

Os proxectos para os que se solicite a axuda deberán responder aos seguintes criterios:
- Os proxectos de iniciativas xuvenís deberán estar enmarcados preferentemente dentro das áreas prioritarias que se recollen no artigo 1 desta orde e subvencionaranse actividades realizadas desde o 1 de xaneiro de 2013 ata o 30 de outubro de 2013.
- Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 4.000 €.
- Quedan excluídos, para os efectos de axuda, os proxectos docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo, a adquisición de equipamento e material inventariable, así como os gastos ordinarios de funcionamento que non estean asociados co proxecto subvencionado e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo III. En todo caso, este tipo de gastos ordinarios de funcionamento non poderán superar nunca o cinco por cento do orzamento total do proxecto.
- No caso daqueles proxectos que para o seu desenvolvemento indiquen que precisan formación, o importe desta non poderá exceder do dez por cento do orzamento total do proxecto. Ademais, nestes casos, acreditarase suficientemente que as persoas docentes son competentes para impartir a devandita formación, para o que se xuntará o seu currículum vítae e mais a documentación acreditativa correspondente. Especificaranse os contidos e xuntarase o programa de formación que se vai impartir. A formación será sempre de carácter gratuíto para as persoas destinatarias dela. No caso de se produciren variacións nas persoas que vaian impartir a formación, deberá comunicárselle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, con anterioridade ao inicio deste, para o que se ha enviar a nova documentación acreditativa. As novas persoas que vaian impartir a formación deberán ter o nivel de capacitación axustado á citada finalidade.
- Calquera das actividades desenvolvidas serán de carácter gratuíto para as persoas beneficiarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas etc.
- Non poderán ser subvencionados os gastos correspondentes ás retribucións do persoal que teña unha relación laboral dependente das persoas ou entidades beneficiarias, nin honorarios profesionais ou remuneracións de calquera clase das persoas ou entidades impulsoras do proxecto.
- Os gastos de manutención (comidas, consumicións, compra de produtos alimenticios) non poderán superar o dez por cento do orzamento total do proxecto.
- Non serán subvencionables os proxectos que consistan unicamente na celebración de concertos ou festas, salvo que estas actividades teñan unha entidade menor e se inclúan dentro dun programa de actividades máis amplo e, en todo o caso, xustificarase a súa necesidade e oportunidade dentro do desenvolvemento do proxecto.
- Deberá terse en conta, á hora da redacción do proxecto e de cara á súa posterior xustificación, ademais, o disposto no artigo 15 desta orde.
- A persoa beneficiaria deberá realizar por si mesma a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. Neste sentido, e sempre respectando o establecido nas devanditas disposicións, poderase subcontratar a execución da actividade ata unha porcentaxe que non exceda do cincuenta por cento do proxecto subvencionado.
- Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á mesma actuación.

O prazo para entrega das solicitudes finaliza o 19 de maio de 2013. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para máis información deben dirixirse á Oficina de Información Xuvenil Transfronteiriza, situada na sede da Eurocidade (antiga aduana de Feces de Abaixo), no teléfono 988-416017 ou ben no correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>